ODISEO 2008?

Unha revista amarela, desas que atentan sen escrúpulos contra o pensamento racional, desas que propenden a ideíñas sen peso das que comen Iker Jiménez e análogos buscavidas, escribíu que Ulises (personaxe plaxiado aos gregos por parte dos romanos, cando en realidade se chamaba Odiseo) regresou a Itaca tras participar na guerra de Troya o 16 de abril do ano 1170 antes de Cristo... Supoñendo que o nacemento de Cristo sexa unha referencia exacta para o noso cómputo de anos. Que non o é.

É que somos tan deixados e tan confiados os humanos que non caemos en que o máis probable sexa que Cristo non nacera nas datas que nos teñen “revelado”. E que, polo tanto, non esteamos no ano 2008. Pois os evanxelios foron escritos uns setenta e cinco anos trala morte de Xesús, polo que non se extrañen de que esteamos no ano 2083, 3500, 4000, 5000, PI, ou que mais ten. Se o caso é ter unha referencia debemos de advertir que non é máis ca iso. Unha referencia resultado de atribuír calidades numéricas a todo o que nos topamos diante dos ollos neste efémero paseo pola vida. Un engano común; unha ilusión.

O que é impepinable é o paso do tempiño, pois a ciencia ben explicita (libro de Coñecemento do Medio de terceiro de primaria en riste) que unha volta da terra sobre si mesma corresponde a un día, e unha volta da terra arredor do sol corresponde a un ano. Do que se desprende que o único positivista que nos podemos botar ás costas é a nosa idade. Este que suscribe ten enriba das súas carnes trinta e tres xiros de traslación terrestre. O demáis nunca será confirmado. Nin nas máis grosas revistas.

Un contador de xiros

cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións