O EFECTO N+1

Neste sitio terrestre somos moitos, e na heteroxeneidade seica radica o segredo do humano progreso. Todos temos que ser distintos; todos debemos ser diferentes. Ben. É de recibo. Na variedade o gusto está; tipificando. Pero ás veces a conxunción de heteroxeneidades desemboca no conflito, na liorta e no desacougo, e non se trata da vella cuestión orixinadora de guerras que radica en que todos queren ter a razón, que é inevitable, moitos queren ter a razón, non, o máis doente desta variedade humana, entre outras cousas, é o que lles sucede a algunhas persoas: o efecto N +1.

O efecto N + 1 ocórrelle quizais ás persoas cos miolos a medio ferver, ou egoístas, ou simplemente ignorantes, ou un pouco de todo, ou eu que sei. Do que estou seguro de fe é que é ferinte cando acontece, doe coma o máis ominoso cólico nunca padecido. Contareino sen máis, para que vostede, internauta atribulado, xulgue:

Na fórmula N + 1(ou guarismo ou binomio. Algún matemático no espazo web?) o N corresponde a infinitos favores, e o 1 corresponde a un favor negado. Maticemos: unha persoa servizal, adaíl da empatía e da boa vontade pódelle facer N favores a outra persoa, e pode chegar un momento en que un novo favor; un enésimo favor; o favor N + 1 conspire contra a ética do inxenuo facedor de favores —ou outros motivos lóxicos— e sinte no seu interior a necesidade de non facer ese favor. Ben, pois a reacción do beneficiario de N favores menos este último favor é terrible, desproporcionada; non dubidando en tirar a artillería contra o cándido dispensador de favores: enfado, caras longas, rupturas, demagoxias, etcétera.

Exemplo: A, profesor de francés na función pública, ensina de xeito altruísta francés ao fillo de B. B está moi contento polos cartos que A lle fixo forrar durante o tempo do ensino, que pode ser dilatado. Chega un momento en que o fillo de B se converte nun aspirante a profesor de francés na función pública e por casualidade o presidente do tribunal da proba de acceso e A. B pide a A que aprobe ao seu fillo e A, deixándose levar pola súa ética non o considera un candidato válido para aprobar e non o fai. B e o seu fillo retiraron por completo o trato con A. Ingratitude? Ignorancia? Ignominia? Efecto N + 1.

O pseudocientífico social

O EFECTO N+1
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións