O PLANIFICADOR MILIMÉTRICO

Pedíronme que contara para mundourense a miña experiencia nas abstrusas milimétricas reticulacións da miña vida, pois son home de plans reticulados. Corrixo, máis ben fun home de plans reticulados; de designios estipulados dende que crin que tiña pensamento autónomo —e sigo a crer iso, porque tal pensamento non ten moito que ver coa planificación reticulada marcial inamovible previa e total que da título a esta confesión—.

Plantar unha árbore, escribir un libro e ter un fillo. Que risa. A quen se lle conte non o cre. Sí. Establecín o designio tras facer os vintecinco anos. Plantar unha árbore, escribir un libro e ter un fillo. Miña meta a curto, medio ou longo prazo. A miña meta. A miña meta onte.

Hoxe, vello, avellentado e anoxado por e para a vida vexo o resultado do “infalible” plan: plantei un fillo, escribín unha árbore e tiven un libro. Como? Aínda que inutilmente dareivos máis datos. Plantei un fillo que tiven nun quebro da miña xuventude, cunha muller á que xurei eterno e falso amor; eterno amor que non dubidei en escribir con coitelo na cortiza dunha árbore que, loxicamente, secou. E tiven un libro, un só libro en toda a miña vida. A biblia que me salvaría? Non. A guía telefónica na que nunca topei o número de teléfono do causante de tanto despropósito.

Non planifiquen, non calculen, non midan.

O planificador milimétrico

 

O PLANIFICADOR MILIMÉTRICO
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións