| O QUE NON QUERO SER
Ola estimados internautas, son un libro. Un libro calquera que vive nos estantes do escritorio de Jorge Emilio Bóveda e que ten o don de alterar a orde das súas letras impresas para colocalas en ordes novos e emitir mensaxes, producindo unha sorte de digresións que poden ser chamadas pensamentos. Estes días andei a cambiar a orde das miñas letras para chegar a reflexionar, e compuxen un pensamento ou divagación sobre que pasaría se puidésemos cambiar a nosa aparencia coma obxectos cotiás que somos.
Se se nos dera a oportunidade de “encarnarnos” en obxectos diferentes estou convencido do que no querería ser. Non quixera, por exemplo, baixo ningún concepto, ter nada que ver co cuarto de baño nin con ningún dos seus accesorios; dígase, aparte dos sanitarios, toallas do bidé, ou vasoiras, por razóns evidentes. Non querería saber nada tampouco dos obxectos que se introducen pola vía anal; díganse peras de irrigar, ou sondas, ou consoladores e outros xogos sexuais. Tampouco sería unha boa opción aturar os efluvios corporais dos mortais, vía roupa interior, para finalmente rematar os días nun colector de lixo á espera dun final pouco épico. As servilletas de tela ou os panos de peto tradicionais tampouco me atraen -si, eses cos humanos nomes bordados en letras de bucles góticos para acabar o día humillados de puro moco no fondo de calquera faldriqueira-, as papeleiras, os propios colectores dos que falamos, as cisternas que absorben o contido inexacto dos pozos negros, as tubarias de condución pouco variada, os paus cos que algúns nenos furgan nos excrementos... Sen dúbida xa coñecen as miñas aversións principais.
Pero fora de toda esa escatoloxía, o que, sen dúbida rexeitaría de cheo sería encarnarme nun televisor. Quietos, non empecen a pensar nun artigo en contra da caixa boba; un alegato trillado en favor da cultura. Non falo dun televisor normal, senón dun deses televisores de pega -(finamente chamados de atrezzo ) que soen ser ocos e que se colocan nos mobles que despenden as moblerías. Eses mesmos que están concibidos para o puro efecto estético e nada máis; eses mesmos que nin sequera teñen a sorte de estar adobiados de circuitería electrónica, senón de tan só do plástico exacto que serve para facerse unha “idea” do que son. Nada. Non querería baixo concepto algún que me xulgaran pola información que entra sobre min a través da vista. Non. Prodúceme arrepíos so de colocar as miñas letras nesa orde.
Despois desta elucubración penso que non querería deixar de ser o que son. Que obxectos pensan vostedes que poderían chegar a ser? Hai unha oportunidade de expresión no foro desta páxina. Anímense.
|