| PARALAXE
O cambio na posición relativa dos obxectos ou corpos celestes chámase paralaxe. A paralaxe, para entendernos, é o cambio de punto de vista cando un observador cambia de posición. Non é o mesmo opinar sobre un acontecemento dende afora do mesmo ca dende dentro. Como diría o castizo, non é o mesmo observar os touros dende a barreira que facelo dende o albero. Non é o mesmo observar unha realidade política dende a esquerda cara a dereita que dende a dereita cara a esquerda. E xa non falemos se temos en conta o ideario político do observador (un esquerdista observando a dereita dende a esquerda ou viceversa).
Chámome Marcial e cría que era apolítico. Cometía un erro; camiñaba pola beira máis doada sen comprometerme. Vivía en Ourense quente quente sen importarme moito ou nada a realidade política. A apolítica é tan estúpida como a política, pero postos a coller estupidez quedeime coa política e comecei a observar a realidade doutro xeito. Primeiro a través dun prisma que non me transmitía boa enerxía, pois Ourense levaba demasiado tempo rexido pola mesma tendencia política. Despóis, seguindo a paralaxe, tentei observar a realidade dende outros puntos distintos, pero nada ocorreu. Era como se, de sócato, todo se tornara nunha foto acartonada; como se o sistema solar; as estrelas das noites de verán cambiaran por unha foto fixa de cartón.
Agora ocorreu algo. Non é que desaparecera a foto acartonada das estrelas, pero alguén abriu onte unha fiestra e entrou unha bafarada de aire para nos ofrecer algo novo. Será posible?
|