PARALELOS*

Unha hipótese metafísica defende a existencia de múltiples planos superpostos ao plano da realidade no que nos movemos e que perciben nosos sentidos. Outra hipótese cuántica “ve” eses planos como existencia de universos paralelos confluíndo co universo noso, cruzándose e movéndose no mesmo nivel de tempo pero diferente de espazo. Multiversos, teoría de cordas, física cuántica... esoterismo para o que subscribe. Sempre que escoito falar desto lembro o principio da navalla de Ockham que, como saben, fai referencia a un tipo de razoamento baseado nunha premisa moi simple: en igualdade de condicións a solución máis sinxela é probablemente a correcta. O postulado é que «Non ha de presumirse a existencia de máis cousas que as absolutamente necesarias». Pois iso, noso universo e o plano que perciben os nosos sentidos debería ser o que nos importa e co que nos quedemos.

Sen embargo, empirismo aparte, si podo testemuñar a existencia dunha sorte de universo que discorre paralelo ao noso e no que viven uns seres diminutos que nos debuxan sorrisos nos beizos e ledicias no interior, que nos fan esquecer xenreiras, que sempre asinan todo ensinando seus primeiriños dentes desiguais. Refírome, claro, á infancia; ese existir paralelo e máxico onde as realidades son máis doadas e entusiastas do que calquera humano adulto eslamiado poida nunca imaxinar. O plano das nenas e dos nenos, o plano da infancia, o plano onde todo se positiva. O plano dos xogos, da creatividade e do optimismo exacerbado, o plano real, o de verdade, o universo onde os crus conflitos mundiais non existen, onde nós somos xigantes bondadosos ou galopíns (bondadosos), onde non pasa o tempo pola sinxela razón de que non se concibe esa noción tan aborrecida, onde todo é expresivo de puro cor, onde se soña con piratas, con tesouros, con dragóns de plástico vivo de mil xeitos, cores sólidas, expresionismo, infancia, que marabilla.

Sei que a creatividade exacerbada é un vestixio dunha infancia feliz e que no mundo aséptico dos adultos non casa moi ben andar a transitar ao universo da infancia. Pero e que se está tan ben... probaron? imaxinen con eles e elas dragóns voadores que amorean ovos de fantasía, imaxinen logo illas de caramelo onde se funden os degoros máis silandeiros destas mentalidades de ilusión. Imaxinen agora con e para eles o inimaxinable. Xa terán tempo, ao chegaren ao final do corredor da adolescencia, de descubrir o universo principal, o que reafirma o señor Ockham, o gris, o burocrático o do sustento fiscalizador, o que se ensina descarado e frío a través das xanelas do segmento que vai da idade adulta á senectude.

*Dedicado á chegada de Sara Bóveda aos universos.

O habitante da ucheira
entre dous universos
PARALELOS
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións