PARTICULAR COLECTÁNEA

Agora que comeza o curso; que as xeracións do 97 ao 2004 xa están incorporadas ás súas cadeiras e mesas dispostos a asimilar algo, dependendo dunha conxunción de factores endóxenos e esóxenos na que o mestre podería ser o mago que mestura todos os ingredientes con mellor ou peor tino, ábrese a veda para as coleccións; para o comezo do curso persoal e propio de cada un.

Non me gusta que me chamen antiheroe. Paréceme tan desatinado como chamarme calquera outra cousa. O único que me gustaría asegurar é que son un coleccionista; un romántico coleccionista de convocatorias para as probas de acceso á felicidade, pero que colecciona esas convocatorias coleccionando á súa vez transixencias, aquiescencias e “sis”. Porque aturar na vida non é outra cousa que a arte de dicirvos que si.

Algunha vez probei a dicir non, pero foi demasiado tarde. Levaba máis de corenta anos dicindo si, como para cambiar repentinamente e pasar a dicir non. Os seres cos que cohabito e cos que interactúo e interacciono tíñanme amplamente xulgado. Coñezo outros seres que din si ou non segundo lles prace ou senten, e o próximo acata as súas decisións, pero eu, sen embargo, o día que dixen non por primeira vez transformeime aos ollos dos demais nunha besta horrible e ominosa; nun demo abxecto remexendo un caldo demoníaco nunha sima infernal.

Menos mal que todo iso foi só por un día, xa que me sentín tan mal que ao seguinte día volvín ser o de antes: o aquiescente compracedor dos desexos alleos e, consecuentemente, a seguir coleccionando convocatorias ás probas de acceso á felicidade. Que si, que si, que si.

O supremo compracedor do desexos alleos

PARTICULAR COLECTÁNEA
© 2007 Jorge E. Bóveda
cretine4@hotmail.com

Pasa a criticar/comentar el texto en el foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións