AS PARVAS FORMIGAS

Mentres pasaba o ferro ás pequenas prendas da miña pequena prenda, vin un documental sobre o espazo e o tempo. E decateime de canto choca o transcendental, o astrofísico e o case metafísico* coas absurdas preocupacións e os moi humanos comportamentos.

O tempo e o espazo cósmicos son unha monstruosidade en comparanza coa insignificancia nosa. E, así e todo, seguimos mentindo, sorrindo ás persoas que non nos gustan, ofrecendo beixos e apertas ao próximo á vez que lle facemos mentais xuízos sumarísimos, ou dando a razón insultando mentalmente pola carencia de razón.

E a bóla do mundo vira entornada no valse interestelar pola inefable cantidade dos corpos celestes. Vira. Rotación, translación, quasares, relatividade, non tempo, anos luz, constelacións, galaxias... inmensidade. Infinito... Imbécil. Porque, na inmensidade, nós cada vez nos facemos mais pequenos, concedendo importancia e entrando no xogo perpetuo das cousas insignificantes que contextualizan á mediocridade na condición humana.

*O astrofísico é ás veces metafísico para miña comprensión limitada.

Unha formiga


cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións