| PENSAMENTO INTERSUBXECTIVO
Queridos internautas. Son un pensante que mata o tempo a pensar, nestes tempos tecnificados e científicos, e que sabe por lóxica que a ciencia, como vostede tamén saberá, require en termos xenéricos de varias esixencias inamovibles: recompilar datos, elaboralos, extraer deles conclusións, confrontar estas conclusións con outros datos e co resultado doutras investigacións, ordenar todas as conclusións de xeito sistemático e expoñelas con precisión. Ningunha destas accións cúmprese ao azar, porque existen procedementos ou métodos establecidos para obter os mellores resultados en cada unha delas.
Esta actividade científica ten unhas características que tan só gustaría mencionar para non facer extensa de máis esta perspectiva: é lóxica, é determinista, parsimoniosa, xeral, específica, contrastable empiricamente, aberta a revisión e intersubxectiva. Non me estenderei máis, agás con esta última palabra. É precisamente este último adxectivo o que inqueda de certo xeito a este que lles besbella ao longo do cable internáutico: INTERXUBXECTIVIDADE. A actividade científica é intersubxectiva porque o achado dun determinado descubrimento científico non depende do equipo de operarios que o levaron a cabo, xa que se pode chegar a resultados similares en dous ou máis experimentos paralelos.
Tras quedar co termo “intersubxectividade” e obviando a actividade científica por respecto, ignorancia, e para evitar o intrusismo, levámola ao terreo do pensamento e chegamos á conclusión de que o pensamento tamén é ou pode ser intersubxectivo. E canto. Pois non é a primeira vez que lendo a Ortega, Montaigne, Marx, Marai, Emerson, Savater, Marina, Wittgenstein, Levinas ou calquera que se dedicara ou se dedique a plasmar seus pensamentos en papel, nos decatamos que chegamos ás mesmas conclusións por camiños diferentes e que o expresamos en outra lingua, noutro tempo, con outras palabras e noutros contextos. Intersubxectividade. Noso deber: buscala sempre. Como? Xa o imaxinan.
Un pensante
PENSAMENTO INTERSUBXECTIVO
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com |