PENTIMENTO LITERARIO MENTRES CHOCAN OS HUMANOS

Pentimento é un termo que seguro coñecen os versados na arte de pintar cadros. Prodúcese cando se entrevén nunha obra pictórica certas liñas que indican que, inicialmente, o cadro ía por outro camiño. Algúns pentimenti pódense percibir a simple vista e outros con técnicas máis complexas que implican o uso de raios X. Gracias aos pentimenti podemos pescudar a intencionalidade primeiriña dos artistas no intre de legar á humanidade súas obras de creación a través dos esbozos primixenios entrevistos nos lenzos.

Non é doado, pero quero pensar que pode existir o pentimento literario; xa non até o punto preciso de percibir unha intencionalidade diferente do xeito que apunte a obra literaria, senón quedando co concepto inicial de pentimento: descubrir ALGO baixo o que se nos amosa diante dos ollos. Sabendo que podemos descubrir cousas nefastas ou marabillas existenciais, cobra vida entón o aliciente de saber recoñecer uns libros pentimento doutros libros pentimento.

Hai libros pentimento que nos cospen unha divertida historia de evasión mellor ou peor redactada na que é subxacente o interese do autor por “vender” a anécdota e amorear máis e máis cartos. Ese libro non soe interesar aos lectores que se prezan de selo, que viven por e para a literatura, os verdadeiros lectores dos que falara o mestre Borges. Pero hai libros pentimento que amosan unha mellor ou peor redacción e tenden á nula trama porque toda súa espesura de prosa se concentra nunha obsesión, nun leit motiv, nunha vía de fuxida: a liberdade, o desacougo, a insatisfacción, a esperanza... na que é subxacente a intención do autor por facerse “persoa”, por subir o penúltimo chanzo da consagración humana, por consagrarse como ser. Son os libros estes os que interesan a eses verdadeiros lectores. A eses...

Humano ante un cadro
PENTIMENTO LITERARIO
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
<http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/>
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
<http://openultimochanzo.blogspot.com>
<http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com>

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións