| POEIRENTO DESCUBRIDOR DA PÓLVORA
Confeso que fun un folclórico corredor de festas populares; un descubridor da pólvora, entreténdome moito cos meus parentes, o meu cochiño e a miña xubilación, e empanada, leria, polbo, orquestra... Esta tempada lembro con “devoción” certa a festa dos mouros e os cristiáns da Saínza, a tan só uns kilómetros da Auria, que representa todos os anos a recuperación dun sitio ou praza invadido polos mouros en tempo de Almanzor (penso. Hai algún historiador na sala??).
Non había ano que perdera o espectáculo, sendo testemuña da posta en escena que representa as loitas dos bos cristiáns contra os malos mouros, para recobrar un territorio que un día invadiron, como ocorreu, por citar só dous exemplos, cos mongois en Bagdad ou como ocorre cos americanos —e países parellos— no Iraq. Aqueles invadiron en nome de Alá e foron repelidos en nome de Deus; estes invaden en nome de Deus e son repelidos en nome de Alá. O que trae como consecuencia que o caso sempre é ter un pretexto para masacrarse, e que somos tan básicos e rudimentarios que facemos masacres contra os que non pensan do mesmo xeito e festas na honra desas masacres cando pasan un bo fato de décadas. A relixión? Ese é o principal pretexto, tanto para masacrarse como para ter festas.
O pretexto: a relixión, o fin: a cobiza, a xenreira, o mal corpo que deixa o próximo só por amosar costumes antitéticas ás nosas. O xénero humano é ignorante por natureza e, consecuentemente, polemista por natureza, pero non sempre é así: ás veces é bo, sobre todo se está só, pero é ignorante polemista cobizoso se está en grupo, e se reafirma, aínda por riba, no seu senso de pertenza a ese endogrupo.
Estoume a decatar de que, ademais de inefable descubridor da pólvora, son un divagador das fragas históricas. Pero, sexa dun ou doutro xeito, non cómpre ser nada para ter claro que mentres as relixións (calquera que sexa) estean presentes no devir histórico e humano deste xeito maniqueísta ignorante, a humanidade está condenada a unha perpetuidade cíclica. RAZÓN, INTELECTO, CONVERSA ENRIQUECEDORA, INTERCAMBIO DE PARECERES, RIQUEZA ESPIRITUAL... son as verdadeiramente máxicas palabras para cambiar o terrible camiño circular da historia nunha esperanzadora liña recta. Ou... non?
O divagador descubridor da pólvora
|