| SALVACIÓN OU O LASTRE DA COMPAÑA
Corro o risco de ser criticado por non posuír tras a mesa na que perpetro estas perspectivas ningún diploma-loureiro relativo á psicoloxía, socioloxía, nin a calquera outra disciplina que trate ou regule, ou trate e regule a arte das relacións humanas das mulleres cos homes a través dos enlaces chamados matrimonios. Pero trátome eu dun profano, un profano observador que ve como ven de vello a confusión entre o amor e a pulsión sexual. Iso é aval abondo.
Curioso é atoparse hoxe, suposto ano dous mil e pico desta era que nos contextualiza, vestixios de matrimonios dos anos sesenta que casaron por un procedemento de inercia engrenado por o fluído da vergoña social que “supuña” entón ter vintecinco anos de idade e non casar. Tales parellas enlazaban sen compartir afinidades, desexos, desacougos nin moitísimo menos fluídos corporais, e xa non digamos palabras... palabras. Como moito unha pulsión sexual que, como sabe calquera que observe, esvaece conforme avanta o tempiño.
Todo vivido nun silencio terrible e nunha falta de diálogo que se maquillaba coa chegada dos fillos: tres, catro ou cinco e, xeralmente, froito desa sexual pulsión que os uniu (cando non froito dun interese económico. Imos confiar que nos sesenta xa non se estilaba esa práctica) e que fixo destes fillos unhas ansiadas e imprescindibles balsas de salvación; de falsa salvación. Recorrendo sempre a eles, a eses fillos, porque a súa inercia matrimonial non deu, da nin dará para máis, pois só coñece unha deriva de rutina. Insatisfacción, soidade de dous, illamento. Sociedade. Mundo occidental.
Agardemos que nós e nosos fillos e fillas, co adevenemento da segunda e da terceira xeración sexamos abondo reflexivos para saber o que queremos e evitarmos esas angustias malditas. Malditas. Raciocinio primeiro paso cara a auténtica salvación. Ou non? Pensan que é complicado de máis? Son para vostedes un ditador de sentencias subxectivísimas? Cren que aínda estamos imbuídos dos prexuízos das xeracións pasadas? Que pensan? Gustaríame coñecer máis perspectivas, as de vostedes. Lembren que hai un foro nesta páxina.
Un profano observador
O LASTRE DA COMPAÑA
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON/ |