SEGMENTOS

Neste breve período de tempo no que conflúen os vestixios do Nadal coas primeiras manifestacións da ledicia carnal do Entroido, chega timidamente o día da paz. Este 30 de xaneiro que nos tenta lembrar que Hobbes non tiña razón no seu home = lobo. Que tenta lembrarnos que todos somos capaces e aptos para vivir en paz e respecto. Que todos somos quen de saber até que punto o meu benestar pode ser o malestar do veciño, ou que o ben do próximo pode ser meu mal. A paz; a deostada palabra.

Non se trata de vivir a paz intensamente neste día, como criticou Bóveda no seu artigo de “A Través de Cristal” titulado O día das Mangas verdes (que se poden descargar desta páxina). Trátase dun xeito de vivir que se vai consolidando dende que somos nenos até que nos facemos anciáns na beira da reciclaxe. Por iso é tan importante a educación, por iso. Educación, outra palabra espiñenta. Paz, educación, énchesenos a boca.

En realidade non é difícil facernos cidadáns pacíficos que viven oitenta anos da paz; seguidos, constantes, paseniño. O difícil é evitar a disfunción, o erro educativo, a falta dese consello que no seu día debeu ser dado, e que desembocou nun erro que se converteu nun modo de vida, que se perpetuou nos fillos e que alimentou páxinas de sucesos, crónicas negras e obituarios varios. Sen ánimo de ser reducionista de máis estimo a paz; a abstracta palabra, no final dun segmento rectilíneo, cuxo comezo estaría cuberto coa palabra educación. Do contrario, de estar cuberto pola palabra “deseducación” o segmento converteríase nun circulo, e non precisamente concéntrico como diría Manuel Rivas. Nun círculo indesexable coma o que vivimos. Por iso é tan importante a Educación, por iso. A Educación sen dogmas, positiva e racional. Por iso.

Un delineante cego

SEGMENTOS
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións