| O SEÑOR DAS MOSCAS
A mosca patexaba con angustia contra o cristal do escaparate, diante da mirada impasible e ignorante dos peóns que se detiñan a contemplar aquelas novidades, sen ser conscientes de que un pequeno ser loitaba pola supervivencia tras ter quedado cerrado naquel local comercial hermético, abafante, cheo de produtos comerciais. Pobre mosca.
Pasou tempiño e, sen alimento algún, fartouse de defecar sobre aqueles produtos que todo o enchían; produtos que agoniaban á pobre mosquiña que non vía o xeito de abandonar aquela prisión repentina e absurda que apareceu de repente nun caloroso día de xullo, nun descanso dunha secuencia de saltos entre fez e fez, nun momento maldito no que se perdeu do seu grupiño de moscas verbeneiras. Pobre mosca.
Dende o intre en que quedou presa, non dubidou en bater contra aquel cristal traizoeiro e demoníaco, que lle permitía ver o exterior sen posibilidade de acadalo. Perdía os folgos en tanto intento, porque no máis fondo de si estaba convencida, mentres voaba sobre os produtos para coller pulo para botarse contra o escaparate, de que o éxito da salvación consistía en petar contra o cristal até lograr atravesar a “sinxela” barreira de vidro que a separaba da liberdade. Só era cuestión de bater, bater, bater, bater, bater, bater. Pobre mosca.
Tras moito bater, bater e bater, a pobre mosca foi caendo no recanto xusto onde o vidro fai ángulo recto cos andeis onde se expuñan aqueles produtos que todo o anegaban, e morreu, engruñada, tras loitar pola causa dos golpes reiterados para a salvación, voando arredor daqueles produtos que foi o último que puido ver noso malogrado personaxe. Tras unha curta pero intensa vida de bostas, cuartos traseiros bovinos, e outras escatoloxías que forrarei, morría ante o enfoque daqueles obxectos expostos ao longo, alto e ancho daquela tenda: LIBROS: tratábase dunha libraría especializada en... libros de supervivencia.
PD: o Señor das moscas é a ignorancia; o rei dos ignorantes. Fuxa del como da morte.
Emerson Raid Johnson
O SEÑOR DAS MOSCAS
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com |