SERES EN BRANCO

Seguro que unha das constantes no pensamento de calquera pensador ou pensante é o feito de admitir que todo o coñecemento universal está impreso nos libros, e estes colocados nas bibliotecas nacionais de todos os países do planeta, ou nos andeis das bibliotecas de fogar de humanos escollidos, ou ornando bonitos mobles nas salas de estar de xente ben, ou en bits, megabits e xigabits de información dixital en xeito de libros electrónicos na rede de redes. Tan só está na nosa vontade o acceder a ese coñecemento, a esa cultura, para deixar de ser os seres en branco que somos.

Hainos e hainas que se queixan de que canto máis abandonan o branco en favor de outras tonalidades intelectuais máis se achegan ás fragas da ansiedade, aos vieiros do desánimo, pois comezan a recoñecer o pouco que en realidade sabemos a xeito individual. Pero este que subscribe defende que é mellor saber unha micra de cousa calquera que non ser un ser en branco; deses que nos arrodean impíos, nos increpan, discuten con nós e ás veces ocupan postos de poder.

Non simpatizo, non, cos seres en branco. A non ser que, conscientes da súa brancura, se limiten a gardar silencio e a vivir súa particular felicidade. A eses, até os aprecio, pero, estimados internautas, son minoría dentro da especie dos seres en branco. A estes “felices” respectémolos, dos outros, dos seres en branco arrogantes, fuxamos. Porque, aínda que a humanidade non deixe de ser o fato de libros que non se len, parte desa humanidade temos criterio abondo para ir transformándonos en seres en gris. Seres grises.

Un ser gris
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións