SÍSIFO PENITENTE
ou a ameaza dos libros-voitre
dos homes e mulleres CACA

Nota previa: Jorge Emilio Bóveda non é quen de xulgar a obra de outros escritores e non gusta de facer afirmacións subxectivas sobre eles. Pero Sísifo Penitente si que é quen de facelo, porque sofre con determinadas prácticas e pensa que ten unha misión...

Circunstancias persoais leváronme a visitar dúas feiras do libro: a de Cangas, e a de libros antigos e de segunda man de Vigo, para recomprobar (volver a comprobar) que son eu un Sísifo penitente irredento, pois, salvo excelencias minoritarias excepcionais, se segue a estilar no mercado da suposta intelectualidade a non intelectualidade. A meirande parte da minoría que le libros de xeito autónomo segue embebida en códigos, conspiracións, piares, enigmas e esquemas de doado consumo, agora máis ca en ningunha outra tempada do ano, ao amor da brisa do mar con caipirinha, cervexa ou frigopié. Libros de preciosa encadernación que dan que pensar que, pensar, é o último que se desexaría facer. Pois seguimos apañados, si. Arrieiros somos. E seguiremos. Por que terá tanto interese na fonda literatura este Sísifo? porque esa, a de peso -fastío me produce dicilo unha vez máis- axuda a vivir.

Dentro desa vacuidade, unha práctica que se perpetra agora, no advenemento dos arribistas mecanógrafos da peseta; e dentro das abxectas labores do xuntaletras e o editor, é tentar vendernos intrigas finxidamente altas baixo un título grandilocuente no que aparece, como reclamo ou carnaza, o nome dun escritor querido e importante no desenvolvemento literario da humanidade. Así testemuñamos o moi cretino farisaico que hai que ser para rubricar “pezas” da ralea de: Os papeis perdidos de Kafka, O Enigma Poe, Milton Sabíao, O cenáculo de Proust*... a cousa comezou co pobre Da Vinci pero, parece, que semella non ter freo. E seguimos sen caer na conta, cando deglutimos algo disto, que “escribir” unha novela cun nome de escritor coñecido embutido no título non é metaliteratura, senón algo así como exercer a medicina cun título emprestado, ou pensarse intelectual porque Sanchez Dragó nos asinou un libro nunha feira ultracomercial, ou fachendear da obra dun parente que escribe, cando ti non sabes nin coller o bolígrafo, ou considerarnos indestrutibles porque nosos primos son os de zumosol ou crernos guay porque saudamos á xente guay e ás veces alternamos con esa xente guay. No sabes? guay!. “Libros Voitre” é o resultado.

A palabra “noxo” e literariamente fea pero vénseme a colación pois sempre houbo, hai e haberá aproveitados que viven a remolque dos demais; rémoras engalanadas carentes de carisma, que dixera Xoán Ferreira en A Vila das Ánimas ou homes e mulleres CA.CA., acrónimo inventado por Alexandre Osorio, que significa CArente de CArisma, que agardan con ansia o gromo de carisma alleo para botarse coma cans a rillar todo o que se poida. Que magoa. Non, señor Hobbes, o home non é un lobo para o home, o home é un cancerbeiro con tres cabezas para o home: unha de voitre, outra de corvo e outra de xena.

Pero, en realidade, por que estrañarnos se a tendencia do voitre fariseo estende súas poutas até a meretrices da envergadura da televisión, replicando a réplica replicada con tal de ter xente mirando para eles e, consecuentemente, facer cartos???. Pois estrañámonos porque quedamos algúns Sísifos irredentos que sufrimos coa falta de orixinalidade. O último que testemuñou este que axexa nas feiras do libro -e ás veces tamén cara a caixa televisiva- foi que, tras o émulo terrible do ominoso Programa de Cantar que se marcou a galega, esta sacou agora unha serie “superfresca” xurdida ao fío vil doutras series das canles privadas nacionais que, como no caso dos tipos de “libros voitre” antes citados, e sen salvar ningún tipo de distancia, xorden ao abeiro dunha moda de oportunidade e seudoaperturismo nunha época de progreso mal comprendido por algúns, pois progreso non é subirse ao carro dos demais, senón innovar co teu propio carro (un carro completamente novo e non tuneado).

En canto ao cinema mellor non escribir, quizais quede para outra perspectiva, ou non, pois como o refraneiro sabio di “Non hai maior desprezo que non facer aprecio”. Só comentarlles até que punto de infraestrutura chegan os cancerbeiros e os homes CA.CA., que hai produtoras que viven, confesa e expresamente, de copiar os éxitos das produtoras máis grandes; éxitos sempre baseados no pasado cinematográfico e literario. Nada novo baixo o sol. Calen sempre que se lles ocorra algo bo, pois a IDEA, a ORIXINALIDADE, a CHISPA, son elementos moi desexables por eses que axexan dende calquera recuncho cun caderno de notas. Que magoa. Como di unha letra do grupo de rock Mamá Ladilla: “Esos si que son punkis”.

*Os títulos sonlle unha orientación, ás veces inventados hiperbólicos, pero valen perfectamente para ter unha idea da realidade que representan.

Sísifo Penitente

SÍSIFO PENITENTE
ou a ameaza dos libros - voitre
dos homes e mulleres CACA
© 2008
cretine4@hotmail.com
Pasa a criticar/comentar o texto no foro "El fotomatón":
http://boards.melodysoft.com/FOTOMATON
VISITEN TAMÉN (se queren e se lles pon ben):
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións