| TECTÓNICA DO TOUCIÑO
Para o común mortal o touciño non casa moitas veces con cousas como a velocidade —frase tópica— ou a atmosfera. Pero o segredo consiste en xiralo, coma se do cubo de Rubik se tratara, ate atoparlle o xeito máis directo de relación: quizabes a persoa que engula touciño dispoña dun complemento alimenticio que lle dea enerxía transformable en velocidade. Ou ben, se a inxestión de touciño é excesiva, quizais se lle amoree á persoa no baixo ventre facéndoa máis pesada; facéndolle pois perder velocidade. Ou tamén, se a enxesta é esaxerada faralle acelerar o metabolismo até viaxar a toda velocidade cara unha morte pronta. O exceso de touciño na dieta provocaría tamén dixestións pesadas que producirían gases de metano vía ventosidade moi nocivos para a atmosfera...
Neste afán de relacionar eu, Néstor Montenegro, xubilado do Ministerio de Facenda e afeccionado á xeoloxía, déuseme por unir a tectónica de placas cos nacionalismos. Aparentemente aspectos inconexos, pero só aparentemente, senón sigan a ler e verán.
Todos ou case todos lembramos do colexio a teoría da tectónica de placas. Aquela segundo a cal os continentes serían a superficie dunhas placas ciclópeas que “flotan” encol dun manto de magma que lles permite moverse ao longo dos séculos, coma se de xigantescas balsas de aceite se tratara. Segundo esta teoría explícase o achado de restos minerais similares en partes do mundo tan dispares, como América, África, Australia ou os polos; pois, ao parecer, na orixe do mundo os continentes formaban un só continente.
O movemento seica non se detén e hai probas de que os continentes se moven ao ritmo do crecemento dunha unlla humana. A razón de dous ou tres metros cada vida dunha persoa. Boten cálculos, porque en menos do que a humanidade se imaxina desaparecerá o estreito de Xibraltar, África unirase a España orixinando unha cordilleira como os Pirineos, e aos poucos esmorecerá o mar mediterráneo.
Xa se sabe que a cousa non está para presas, pero quen sabe se non hai outro xeito de que a África deixe de estar ignorada. E digo máis, quen sabe se non cambiará por fin o arraigado sentimento nacionalista de algúns. Pois se cadra...
|