TEORÍA FICCIONADA DO POUCO MÉRITO CONCEDIDO A UNHA PONTE*

Estes feitos dos que lle vou facer partícipes a vostedes ben puideron ter acontecido na Auria. Sucederon nunha vila de tamaño medio que podería ter sido Macondo, Ébora, Arcadia, Quintela do Pombal ou calquera que a vostedes, polas súas experiencias, lles deixaran no maxín unha pegada especial. Os artífices foron dous personaxes: Bouvard e Pécuchet. Dous homes entregados ás necesidades alleas e fieis defensores das causas nobres e xustas.

A vila onde vivían estaba fendida ao medio por un río caudaloso e rico que separaba á poboación da parte alta e á poboación da parte baixa. Un día os dous personaxes decidiron que a vila necesitaba unha ponte para unir ambas partes. Estudaron de xeito autodidacta uns aborrecidos atados de papeis sobre enxeñería de camiños, portos e canles, deseñaron, debuxaron, discutiron, pelexaron (entre si). Horas de insomnio, canseira, desazo, fastío. Fixeron un cursiño do Inem de construción de pontes, un cursiño de milleiros de horas, quitaron o carné de condutor de camións de grande tonelaxe, fixéronse oficiais de primeira en masa, cemento e formigón. E a obra comezou. Teoría e práctica. Proxecto e resultado.

Bouvard e Pécuchet levaron un traballo difícil de asimilar por calquera humano medio. Emocionáronse, verteron no proxecto a súa ilusión, os seus novos coñecementos adquiridos e as súas bágoas. Estiveron a punto de acadar un par de rupturas conxugais e familiares por tanta absorbencia que lles produciu a encomenda... ate que anos máis tarde a parte alta da cidade e a parte baixa estiveron por fin unidas por medio dunha ponte sobria, concibida e fabricada exclusivamente por Bouvard e Pécuchet, pero inaugurada só polo inchado dirixente local do momento.

As xentes comezaron a facer uso indiscriminado da ponte; ora arriba ora abaixo, meténdose eles e elas, metendo carros tirados por bestas, vehículos grandes, pequenos e medianos, cheos de cousas servibles e inservibles, e servíndose dela ao cen por dez mil. Ningún dos seus usuarios e usuarias se parou nunca a pensar no ben que lles viña na vila unha ponte coma aquela; nin a considerar o terrible sacrificio que a obra supuxera para Bouvard e Pécuchet. Ninguén se acordou máis destes adaís do sacrificio mundano... até un tempo despois, cando os nosos dous aplicados e modélicos humanos levaban mortos anos e anos. A ponte non resistiu o envite dunha crecida do río (aínda que era menos caudaloso e rico que antes) e se veu abaixo, desaparecendo os seus vestixios baixo as augas. Os oriúndos non tardaron en botar as súas linguas afiadas e procaces para criticar a mala construción que fixeran aqueles dous “desgraciados” cuxos nomes eran tan difíciles de pronunciar que se quedaron na categoría de “dous desgraciados”. Incluso se creou un «comité cidadán en favor da defensa dos dereitos pero non das obrigas dos eminentes e dignos habitantes da vila» para facer un contencioso en contra dos descendentes de… de… Bou…vard e Pé…cu…chet, hedonistas, todo sexa dito de paso, que, ante o descoloque que lles produciu a demanda, non paraban de dicir entre eles e en petit comité e completamente indefensos e chorosos: ¡qué mala es la gente! ¡qué mala es la gente!; uns descendentes que tamén fixeran uso da ponte a diario até o seu derrube de pura inclemencia meteorolóxica. Uns descendentes hedonistas aos que sempre lles custara honrar a memoria dos case heroes PÉCUCHET e BOUVARD. En fin.

P.D: o interpretador ousado e imparcial poderá cambiar a palabra ponte por moitas outras cousas.

*Dedicado ao meu bo amigo Bruno Hernández del Río e ao seu “Catálogo de Referencias”.

Un contacontos baseados
en feitos reais

TEORÍA FICCIONADA
DO POUCO MÉRITO
CONCEDIDO A UNHA PONTE
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións