| TALIBANISMO NA GRECIA GALEGA e A MEMORIA DE TOMÁS BÓVEDA
Ola internautas, ía escribir unha perspectiva na voz doutro personaxe do éter literario como acostumo facer na sección, pero non o farei por sentir a necesidade de abrir o meu corazón á sociedade ourensá debido a un suceso do que, lamentablemente, tiven consciencia demasiado tarde.
Na páxina dez do xornal “La Región” do día 1 de outubro do 2007 abraioume un titular que dicía: “LAS OBRAS DE REFORMA DE LAS GALERÍAS CENTRALES TAPAN UN MURAL DE LOS AÑOS 60”. Se seguimos a ler decatámonos de que seica o borraron porque non se sabía de quen era. A ignorancia mollou a brocha do operario solícito en pintura branca e o progreso imparable da estupidez fixo o resto. Acaso saben vostedes a autoría das pinturas rupestres das covas de Altamira? Non. Verdade? E bórranse por tal motivo?
Non é un bo exemplo en absoluto, o de Altamira, xa que, neste caso estas pinturas das Galerías Centrales si que teñen nome, e apelidos. Este mural foi concibido e plasmado naquela parede alá a comezos dos anos sesenta polo insigne pintor local Don Tomás Manuel Bóveda Gómez, nado no 1910 e morto no 1982. Os cálculos da escala foron feitos por un dos seus tres fillos Don Castor Emilio Bóveda García quen, actualmente, vai facer os sesenta e dous anos. E gustaría de clamar de xeito definitivo a devandita autoría do mural desculpándome ante min mesmo, ante vostedes e ante o patrimonio artístico da nosa cidade por non telo salvado a tempo eu, fillo deste e neto de aquel; de aquel insigne pintor que botou seu mundo estético alá polos anos sesenta: Jorge Emilio Bóveda Álvarez; este que subscribe. Se en realidade onte Ourense foi a Grecia galega hoxe os talibans non teñen cabida.
TOMÁS MANUEL BÓVEDA GÓMEZ
Como ben recolle a páxina 39 do tomo IV da Enciclopedia Galega na súa edición do 1974, Tomás Bóveda (1910-1982) foi un pintor natural de Ourense formado na escola de Bellas Artes de Sevilla e na de San Fernando de Madrid. Foi un artista de variada temática e sometida a diversos procesos creativos que lle confiren unha acusada personalidade. A súa obra posúe un caracter intimista marcado por un forte arraigo na iconografía do país galego: Santeiros e Vagabundos, xentes de oficio, así como o submundo da picaresca galega, son motivos que respiran na súa obra de entronque clasicista e plástica pictórica envolvente.
Fixo numerosas exposicións dentro e fora do país galego, dúas das derradeiras na sala do Museo Arqueolóxico Provincial no 1975 e postumamente no Ateneo de Ourense. Foi un pintor paciente e de oficio, atento e sensible aos esixentes condicionantes pictóricos. Bóveda inclinouse cara dúas técnicas diferentes en canto ao tratamento da pintura: predominio da intencionalidade plástica e tendencia ao esquematismo compositivo. Títulos representativos deste artista son A Peixeira , a serie dos santeiros, a Froiteira , Ensenada do miño , A pobre xente ou Paisaxe, que pertence aos fondos da Deputación Provincial de Ourense.
Despois de demostrar coas liñas precedentes a calidade e a singularidade do autor, quixera desculparme comigo mesmo e co arte local por non ter evitado que esa pintura branca da desmemoria tentase borrar, abusiva e ignorante, a obra desde ourensán ilustre; sobriño de Eduardo Blanco Amor, primo de Alexandre Bóveda e amigo de Otero Pedrayo, os irmáns Risco, Antonio Faílde e tantos, tantos outros, que conformaron a, pasada pero eterna en canto a legado artístico e intelectual, Grecia galega. Tamén quixera agradecer á poetisa Chus Pato a iniciativa e o tesón para conseguir evitar que o esquecemento, ese ser indesexable, se botase enriba do patrimonio artístico local en xeral e da obra do meu avó en particular.
Jorge Emilio Bóveda
|