TRASNOS
ou Conxunción Social Coma Fío de Auriculares

Baixo tan estraño titulo descubrirán que se agocha unha perspectiva sobre a compenetración das diferentes institucións que nos apertan na marcha social desta humanidade nosa (institución educativa, de seguridade, sanitaria, asistencial...). O fío dos auriculares ven ao conto para enxendrar unha sorte de símil algo ousado que me van consentir: moitos somos os que gardamos nalgunha gabeta da nosa mesiña de noite un transistor o trebelliño similar ao que se lle conecta un par de auriculares para facer menos longas as noites de insomnio. Ben, pois se se fixan, non serve de nada que nos matemos en desfacer os nós dos auriculares noite tras noite pois, sen saber como nin por que, estes van aparecer de novo no caixón cos fíos leados e cheos de nós. Cuestión mistérica baseada en casualidades, pois non semella de recibo unha hipótese baseada nuns trasnos burlóns que agarden o noso soño para vir enredar os fíos dos nosos auriculares. Os fíos, aparentemente, enrólanse porque si, porque a saber como nos movemos o como colocamos o trebello na mesa de noite. Ocorre e punto.

No tema institucional penso que sucede algo parecido. Teña unha incidencia e xa verá: se vai a A, A mandarao a B, e B de volta a A. A non saberá moi ben que dicir e inventará algo... que desmentirá C, sen os matices que D, de voa vontade, lle engadira, para quedar todo nun malentendido que nos ocorre moitas veces por sobreentendelo todo. Ao final movémonos a trompicós e non acadamos ren. Pero, sen embargo, seguimos respirando, vivindo, comendo, durmindo, tirando aos nosos fillos cara adiante e sen preocuparnos o máis mínimo por ser peores ou mellores persoas. Pasando pola vida sen consentir que a vida pase por nós. Tanto ten. Tirar p’adiante e punto. Que triste. Que pouca distinción.

Penso que esa distinción, o pasar pola vida degustando cada intre, queda reservada para esas persoas que se desviven e que fan o posible para que as cousas boten a camiñar cara adiante coa máxima dignidade posible. Os que lean os cables dos nosos auriculares; os que velan mentres nós adurmiñamos. Son os trasnos que enfían e lean os cables para logo desenlealos. En realidade si que existen e son modelos que piden a silenciosos berros ser imitados, pero non teñen éxito, non. Porque ninguén cre neles. Habelos hainos.

Mariano Xosé de Larra v 2.0.

VISITE O NOVO FORO:
http://ofotomaton.wordpress.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións