| TRÁTOME DE TÚ
Pedíndolle desculpas a algún por introducir un castelanismo no título envíolles saúdos neste escuro día de decembro. Pedíuseme a min, imitador dos replicantes, que colaborara nesta sección contándolles a vostedes, internautas lectores ousados, cal era mi dedicación principal na vida. Botei un ollo ás achegas anteriores e vexo que hai un pouco de todo: o que consagra a vida a saber que libros leen as minorías, o que é un mudo de atalaia, o que é un sociólogo irreal, a que desconecta do mundo e logo pretende tempo despois que esa conexión siga existindo, os que defenden o camiño recto e deostan o circular... hai testemuñas varias. Tan só teñen que leer os textos que están debaixo deste na páxina do Fotomatón.
O meu caso, a miña dedicación, é particular. Non é porque o diga eu o imitador dos replicantes, senón que en realidade o é. Son un imitador. Non, non, non me gano a vida facendo parvas e baratas réplicas dos xestos e sons dos políticos e artistas de baixa estofa, son un imitador dos homes e mulleres da cultura. Desenvolvín unha técnica o bastante axeitada para parecer un home ou unha muller da cultura: lin todos os libros que puiden, escribir todas as novelas e ensaios que puiden, asistín a todos os actos culturais abertos que puiden, establecín contacto con outros homes e mulleres da cultura. Pero, pero, pero, hai algo que non me sae nin coa técnica do mundo todo. Hai algo que non son quén de perfeccionar para ofrecer á vida unha imitación perfecta dun perfecto home ou muller da cultura replicado ou replicada: as mulleres e os homes da cultura replicados, a maioría, son quen de tratarse a si mesmos de vostede. Gabarse internamente e con deleitación sen necesidade de proclamalo. Os homes e mulleres da cultura replicados son quen de auto tratarse de vostede. Eu non sei facelo; este imitador de replicantes só sabe tratarse a si mesmo de “tú”. Tutearse. Auto tutearse. Creo que é a espiña que levarei sempre espetada no meu corazón perfeccionista e que me delatará nas xuntanzas con outras mulleres e homes da cultura replicados. Coma nunha película popular dos anos pi na que se distinguían os invasores extraterrestres dos humanos porque tiñan os dedos maimiños das mans (os pequenos, vaites) máis longos do normal. Pois parecido. Trátome de tú. Imitador de replicantes
TRATOME DE TÚ
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com
|