| UNHA
XÉNESE
Comecei
a escribir para “publicar” meu incomodo para min mesmo,
para deixar de amorear ideas e denuncias no meu caletre. Comecei
a escribir para comezar a vivir. Ate o punto de non concibir a vida
sen a escrita.
Dende moi neno compaxinei un desastroso periplo académico
con aptitudes evidentes para o debuxo, a música e a lectura...
(dos libros que eu quería, non os obrigados, pois sempre
lle tiven certa alerxia ás obrigatoriedades).
O debuxo entretívome nalgunhas tardes de inverno da nenez,
mentres miña nai pensaba, coitada, que estaba a estudar.
O debuxo levoume a unha tira traxicómica nun xornal ourensán
e aos personaxes animados do proxecto titania do CTG. Uns proxectos
que lle revelan a unha cidade de banda deseñada coma Ourense
que este debuxador non puliu abondo súa técnica, que
agora é algo tarde, e que é preferible que se dedique
enteiramente á literatura. Deixando de ser un intruso na
ilustración. Son un debuxante frustrado.
Coa música de orella chegaron os temas musicais; a adolescencia,
as letras, seudopoesía inmatura, imperfecta e algo surreal
con bases primeiro de rap e logo de rock, que cos meus amigos me
levou por varios grupos de escasa fortuna e disciplina até
que o grupo cRetiNe, igualmente indisciplinado, me permitiu pasar
polas experiencias da gravación de tres maquetas no taller
de música ourensán e algún que outro concerto.
As letras de poesía mal peiteada leváronme, moi devagar,
á literatura, que hoxe o é todo para min. Levoume
a purgar todo o incomodo que a sociedade e as institucións
nos marcan a lume nas conciencias. Fixándome sempre no dado,
na aquiescencia parva ao establecido,e rexeitando o dogma funme
educando literariamente; unha educación que sei de lei que
durará toda miña vida. O escritor nunca se consagra.
Os últimos anos de vida dunha persoa fundamental no meu
ser foron o fulcro da miña incursión inocente, descarada,
independente e definitiva na narrativa. Tiña eu 23 anos,
algunhas materias literarias que cursei e os exercicios de tradución
dos clásicos dunha oposición que gañei axudaron
bastante. Estábase a forxar en min unha necesidade insospeitada.
Unha necesidade que consagra miña vida a escribir.
Jorge Emilio Bóveda
(extracto da entrevista da AELG
ao escribidor J.E. Bóveda
na libraría Torga de Ourense
o 13 de marzo do 2009)
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com
|