| ¿UN PARADOXO MENTAL DE PROCESO INVARIABLE?
A mente humana sorprende en máis ocasións das que podamos imaxinar, pero non por non imaxinar as ocasións, senón porque non prestamos atención; porque pasamos polo mundo despistados; e despistados non consentimos que o mundo pase por nós.
Son unha muller; unha muller feita e dereita, unha muller que baixou recentemente do burro e se decatou, por fin, malditas gracias (non escribo grazas), de que hai que extraer das boas e das malas experiencias un néctar co que elaborar a nosa vida plena vivida.
Chámome Olvido, Olvido Gara. Todo o mundo me confunde cunha artista mediocre que ten nome de estado americano (Alaska). Pero non, non son esa, tan só son Olvido Gara, a mesma muller que pode pasar tempadas sen sair da casa, mergullada nos clásicos da literatura universal. Nun xardín onde se pasean dende Sthendal a Goethe, pasando por Manolo Rivas, Javier Marías ou Saramago (xa clásicos). Pero ás veces saio, e antes, hai pouco, soia saír sen a consciencia da necesidade da recollida do néctar mundano. A literatura é precisa, pero o mundo tamén.
Unha vez lembro que saín a revisar os baretos da noite da Auria e metinme nunha tasquiña á que había tempo, tempo e tempo que non ía. O camareiro principal, novo, estaba supeditado a outro, vello, case ancián; ou ancián. O vello en primeira instancia me lembrou con poder a alguén. A un actor? A un ministro? A un político? A un presidente de comunidade? Sostendo un chato de viño e diante dunha de orella perdín a vista nun punto indefinido e devecín por dentro. Devecín e devecín por dentro até que, por fin, caín no parecido, máis que razoable. Caín no parecido embebida nunha especie de PARADOXO MENTAL DE RETORNO VARIABLE INVARIABLE: facía tanto tempo que non saía aos coñecementos mundanos; e cando o facía, facíao de xeito tan superficial, que o bo do home, o vello da tasca, me lembraba... A SI MESMO!!!!!!!!!!!!!!!
|