|
VENDIMA
NA ALDEA 2.0
Unha
das lembranzas máis vehementes na vida da aldea (Piñeiro,
Maside, Ourense) cando era neno, era a vendima. A Vendima na aldea.
O corporativismo de supervivencia que existía entre os veciños
á hora de vendimar as viñas; as gabias, cortando a
coitelo acios e apañando os bagos do chan. Os acios ían
aos baldes, os baldes aos sacos, os sacos á adega; baleirábanse
nunha sorte de lagar de madeira. Logo o Maximino, un home do pobo,
cos pés nus (ultimamente con botas de goma) pisaba nas uvas
facéndonos música e inzándonos o sutil recendo
do mosto. Logo viño e bagazo ían a uns pipotes de
moitas olas que meu avó materno mercara décadas atrás,
e só quedaba agardar que fervera, tirar o bagazo, prensalo
ás veces, botar o viño das espremas, e todos os pasos
previos e embotellar.
O tempo —nas vendimas familiares— foi
eliminando personaxes da aldea, foi avellentando a outros, foi deixando
as viñas quedas até reducilas a un simbólico
grupiño de videiras para poder seguir dicindo que se vendima.
Case nada. A tecnoloxía entrou algo neste mester con máquinas
de sulfatar a motor, esnaquizadoras eléctricas, cubas metálicas,
etcétera.
Estes últimos anos veño axudando na
vendima noutro lugar e foi, neste último ano, cando lembrei
todo o anterior que lles acabo de referir, o cal, pese a que semelle
a testemuña dun romántico, nunca me gustou facer.
O que máis me gustou sempre de todas a prácticas do
pasado foi lembrar, porque a lembranza é aquilo que nos levaremos
sempre das cousas (o único). Lembrar a vendima de aldea que
esvaece, esvaece, esvaece ata desaparecer, é algo que me
fai sentir un pouco ben.
Pero non nos preocupemos, non afoguemos na teima porque
de seguro que a unha ducia de anos vista algún empresario
espelido inventará un novo xogo de rol, neste afán
do novo milenio por “ludificalo” todo, chamado quizais
VENDIMA NA ALDEA 2.0, como a día de hoxe se fixo en Verín
coa revolta dos irmandiños e seu inefable xogo de rol. Por
que será que me invade o desacougo?
Inimigo da desmemoria
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com
|