| A VERDADEIRA VERDADE INCÓMODA
Época de realidades sociais que todos coñecen, das que se collen os datos e se perden as perspectivas; a realidade. Estamos perdidos, pero non tanto como queren dar a ver algúns como o Al Gore ao endosar á Hispania varios colectores cheos do seu documental catastrofista. A cousa anda mal, pero non é para tanto. Está mal facer unha produción documental con certas sesgaduras e pretendido interese académico. Pero iso non é o peor; o peor é que se subscriban esas sesgaduras coma se dogma de fe se tratara. Parece que o feito de acadar o premio Nobel da Paz foi un comprobante abondo eficiente de que o produto que o señor traía baixo o brazo era dunha calidade máxima; suprema.
O Nobel da paz? A Borges non lle deron o de literatura, e, sen embargo, persoas mediáticas como Boris Izaguirre chegan á final do premio Planeta a saber con que obra. E qué? todo se sabe, que lles vou dicir que non saiban. O peor non é que todos saibamos as cousas; o peor é que ninguén faga nada, como dixeron Martin Luther King, Sandor Marai e eu mesmo. O peor é que todos saibamos as cousas e que moitos comunguen con elas, as desexen e as envexen. Non é que non haxa nada que dicir, é que non hai ninguén para dicilo, que comentaba o cidadán Pastor Páez, convertido da estulticia á defensa dos valores a través da lectura continua; un deses entusiastas que pouco gustan porque len ata perder o coñecemento, e case nunca están para ninguén.
O peor non é conceder un premio literario a unha persoa cuxa obra foi vendida baixo man a grandes superficies comerciais antes de conceder o premio para asegurar unhas ventas potentes (esquecendo que hai que facer literatura e non ventas), o peor é o monllo de nadadores de superficie que acoden engalados á cerimonia de entrega do paripé, cheirando a chanel e a presunción, crendo que literatura é o que fai Lorenzo Silva. Ignoran a xenial frase de Moncho Borrajo que di que é mellor tomar café cun amigo que champan cun gilipollas.
Este efecto de que sabendo todos todo ninguén faga ren esténdese a outros ámbitos, pois o peor non é que haxa unha inútil e continua razzia xigante no oriente que non remata nunca; que comezou cun espolio do máis abusivo e canalla e segue e segue en inesgotables conflitos intestinos onde non se lle da importancia á vida humana. O peor é que se nos reduza a dose informativa sobre iso, e coa pouca que captamos facemos unha adaptación á nosa realidade costumista; perdendo unha e un milleiro de veces a perspectiva. A XENTE MORRE E O ORIENTE VAI CARA UNHA DERIVA MOI PERIGOSA.
O peor non é que nos volvamos indolentes coas catástrofes (desas ás que lle saca “partido” o Gore), o peor é que respiremos aliviados porque ocorreu no levante e non en Galicia. Ou máis aliviados cando ocorre noutras latitudes. Esas e centos máis que vostede pode pensar poderían ser as verdadeiras verdades incómodas, e non as demagoxias en formato bonito (e caro) para encher o saco e para chegar á meta cómoda de certas condutas mesquiñas. Que lles parece? Hai un foro nesta páxina.
O mudo de atalaia
|