| VIRUS
O
sol fíltrase polas fendas da xanela pechada e arrecende a
preludio estival, máis eu, que funciono coa luz do sol, non
me atopo ben. Unha catarreira “anacrónica” apoderouse
de min a través dun virus invisible e nin me deixa respirar,
nin discernir, nin ler, pensar, dilucidar... escribir. Pois isto
que len é o ditado á miña man dereita* dun
intruso que habita un sector recóndito no meu maxin. Un sector
somentes. O resto está enfermo, estou maliño igual
có mundo, teño un virus que con amor me contaxiou
miña filliña. Un virus que soluciona grande parte
dos informes médicos e dos que meu ordenador ten a ducias,
seguro, filtrados da internet como donicelas afiadas e ociosas.
O mundo tamén está ateigado de virus, e non me refiro
a sensacionalismos tales como a Gripe do porco, eufemísticamente
chamada Gripe A, esas non son mais ca estrataxemas para manternos
preocupados. O mundo padece do virus da cobiza, e mentres ese virus
non se erradique, que non se erradicará, seguirá enfermo;
seguirá maliña esta bóla con forma de mandarina
que vira. Penso que non hai vacina para a cobiza que mantén
as desigualdades mundiais como están e as políticas
internacionais como conflitos de intereses económicos...
Como dicía aquel chiste vello das prostitutas pouco agraciadas
físicamente que insultaban a un viandante bebido chamándolle
borracho e este replicaballes: si, pero a mín pásame
mañá. Meu virus seguro que esvaece mañá
por motivo dos fármacos prescritos polos médicos,
pero ao mundo seguiralle a quedar a condea a galeras da enfermidade
terminal da cobiza. Si, terminal, escribin terminal, e pódolles
asegurar que son unha das persoas máis optimistas que vostede
poida coñecer.
Con cariño
Un enfermo
cretine4@hotmail.com
Visiten o novo foro:
http://ofotomaton.wordpress.com
|