VIXÍA CINEXÉTICO

Xa falou Bóveda nalgunha ocasión do tristísima que é a vida para algúns primates porque, ao parecer, a súa mente “resetéase” dun día para o outro e, consecuentemente, vivir cada día supón vivir unha vida nova. O que supón trescentas sesenta e cinco vidas no ano; vidas que, por moito que apuren, non lle dan intelectualmente para moito. Pois se un día descobren que son quen de comunicarse, ao seguinte xa está esquecido.

Dado que estes animais son nosos primos non é difícil advertir que temos uns comportamentos moi similares nas distintas facetas da estadía vital. Facetas que supoñen unha casuística na que non entrarei (xa entrou Bóveda nunha perspectiva titulada Reset contida no libro “ A través de Cristal. Breviario de Perspectivas ” que se poden descargar deste sitio web), quedándome só coa aplicación deste efecto desmemorístico dramático a unha das miñas artes predilectas: o cine. O cine fantástico para máis matización:

Deixando aparte as agresivas campañas publicitarias e de promoción, é abraiante que o público aplauda “ El orfanato ” (Juan Antonio Bayona 2007) esquecendo que espeta súa raizame en filmes como as próximas “ La sombra de nadie ”(Pablo Malo 2006) ou “ El Internado ” (Saint Ange. Pascal Laugier. 2004), ou as menos próximas “ La Residencia ” (Narciso Ibañez Serrador 1969) ou “ Hasta el viento tiene Miedo ” (Carlos Enrique Taboada 1967 con remake do 2007 de Gustavo Moheno). Tamén é abraiante que o público loe as “sofisticadas” trampas mortais que se ven en “ Saw ” (James Wan 2004) cando xa se entrevén en “ El Abominable Dr Phibes ” (Robert Fuest 1971) ou a súa secuela “ El regreso del Dr Phibes ” (1972) onde tamén a idea dun resentido do quirófano que toma a súa particular vinganza cirúrxica xa non era todo o orixinal que se pensaba (vexan “ Los ojos sin rostro ” Les yeux sans visage . Georges Franju 1959).

Podería seguir reflectindo casos de bebida dunhas fontes cinematográficas noutras, pero non é cuestión de encher a perspectiva de datos áridos. Quedemos só coa perspectiva. Lóxico é que teña que existir unha influencia no pasado, pero o nefasto e mirar cara adiante crendo de xeito inxenuo que o pasado só está cheo de mortos poeirentos e pasivos e que a orixinalidade vive tan só no presente. Non é de recibo. Non é xusto esquecer as fontes literarias primeiras e as seguintes cinematográficas; a literatura romántica e gótica; os malfadados e famentos escritores da Arkham house e das revistas pulp (literariamente malos, pero á referencia me remito), os traballadores das sombras, os artesáns descoñecidos, o mítico cinema fantástico das décadas dos vinte, trinta, corenta, cincuenta, sesenta, setenta, oitenta e noventa e limitarnos a laurear as réplicas que xorden ao abeiro da contemporaneidade. As cousas polo seu nome e coas orixes por diante. Ou non lles parece?

Un vixía cinexético

Nota: Perspectiva aplicable a todo o que aparentemente se lles presente coma novedoso. Busquen no pasado.

VIXÍA CINEXÉTICO
Cretine4@hotmail.com
VISITEN TAMÉN:
http://osangueatravesdaxanela.blogspot.com
http://openultimochanzo.blogspot.com
http://apapeleiradereciclaxe.blogspot.com

Ir á Portada volta atrás imprimir Volver ó menú de Relatos e Disertacións