O pasado mes de marzo presentouse un traballo fundamental para o coñecemento da historia da fotografía ourensá, o libro: “Achegamento á historia da fotografía en Ourense (1856-1940)”. Nel, o seu autor, Rafael Salgado, achéganos os primeiros oitenta anos do arte fotográfico na Atenas de Galicia, ao longo dos que algúns profesionais da fotografía contribuíron á aparición do cinema na cidade.
Valentín Barreiros (VB.): Rafael, levas varios anos contribuíndo ao coñecemento da historia de Ourense coas imaxes e lembranzas do teu blogue Ourense no Tempo; do mesmo xeito, es un dos principais impulsores do Arquivo Visual Ourensán (AvO), cuxo obxectivo é a recuperación do fondo fotográfico da cidade; e recentemente presentaches o primeiro traballo de investigación sobre a historia da fotografía en Ourense: “Achegamento á historia da fotografía en Ourense (1856-1940)”. Ten que ser especialmente gratificante cada vez que atopas un novo dato ou fotografía que che abre unha nova xanela cara un acontecemento descoñecido da nosa cidade.
Rafael Salgado (RS.): Como ben sabes, son un simple afeccionado, que aos poucos foi recompilando datos, e comezo a decatarme do apaixonante que é a investigación; sobre todo cando o tema que che interesa non foi practicamente tratado polos especialistas. O achado de nova información é o que te anima a seguir, ben pola porta que che abre, ou ben porque che axuda a confirmar ou desbotar datos que non estaban suficientemente contrastados.
VB: No blogue Ourense no tempo adoitas facer unha entrada diaria cunha fotografía e un comentario da mesma. Neste proceso de investigación tes acceso a documentos e ilustracións que a ben seguro che proporcionan datos relevantes sobre as diferentes etapas históricas da cidade neste último século e medio. Esta circunstancia seguramente fai que vexas a cidade dun xeito distinto, é dicir que valores o proceso evolutivo de Ourense desde o punto de vista social, cultural e mesmamente urbanístico.
Enlace ao blogue Ourense no tempo.
RS: De certo que si; teño que recoñecer que o meu xeito de ver a cidade mudou nestes últimos anos, e non me refiro soamente ó urbanístico, que e o máis evidente, senón como ben dis, tamén no eido social e cultural.
Unha cidade é algo vivo e tes que admitir que cada dia vai ser diferente, o progreso sen dubida é beneficioso, pero nalgúns casos teríamos que ser capaces de retomar o pasado. A modo de exemplo, en cada un dos eidos que me formulas, gustaríame rescatar: socialmente o “rispeto” polas persoas que se tiña a finais do século XIX e comezos do XX; culturalmente, sen dubida, seguir loitando por recuperar o esplendor dos nosos conveciños na etapa de Nós; e falando de arquitectura, chorar como fago no blog cada vez que atopo unha fotografía del, o “malogrado” Hotel Roma.
Pero respondendo directamente a túa pregunta, penso que non é preciso ter un blog para ver as cousas mellor ou en máis profundidade. O único que fai falla é mirar cara diante, sen esquecer mirar de cando en vez arriba (non moitas, pero temos algunha reixa fermosísima, ademais de magníficos escudos), abaixo, (que lle pregunten senón o amigo Monxardín, que fai colección de tampas), e atrás, os erros e acertos cometidos deben ser unha guía do futuro.
VB:. A principios do ano 2010 naceu o Arquivo visual Ourensán (AvO), do que ti es un dos principais impulsores e cuxo obxectivo principal é o de colaborar na recuperación do fondo fotográfico da cidade.
RS: Non quero enganar a ninguén e por iso admito que esa aventura estivo e está motivada polo egoísmo; non se me ocorreu outro xeito de poder botar un ollo ós albumes que os nosos veciños teñen nas casas. E se a iso lle sumamos os problemas de falta de tempo que todos padecemos, pensei que aglutinar a un grupo de ourensáns con intereses semellantes facilitaría as cousas. E polo de agora os feitos estanme a dar a razón, eu soo non seria quen de reunir o material que a día de hoxe temos; e espero que continúe a medrar.
VB: Un dos importantes fitos do AvO foi a exposición “Ourense un século de fotografía” no Museo Municipal, onde se puideron ver interesantes ilustracións de finais do século XIX e boa parte do XX. Do mesmo xeito, o Arquivo leva colaborado neste último ano e medio en distintos libros aparecidos, así como en diarios e publicacións tanto de ámbito local como galego.
Presentación de Ourense un século de fotografía (Telemiño)
RS: A exposición é preciso que a entendades como un primeiro paso, na asociación certamente sentímonos orgullosos polo resultado, pero non podemos estar plenamente felices. Tivemos erros e notouse en algún caso a falta de experiencia, mais creemos que o obxectivo principal, que non era outro que dar a coñecer a asociación, conseguiuse, e polo que estamos vendo valeunos para axudar a abrir portas. De feito esperamos nos próximos meses presentar a segunda exposición do AvO. que xa será algo cunha temática máis definida... Polo de agora permíteme que non de máis datos.
En canto ó tema das colaboracións, ese en un dos nosos obxectivos, colaborar con todos os que queiran traballar na historia da nosa cidade. Nos sos non seríamos capaces de dalo a coñecer e non debemos esquecer que as fotos que nos deixan son para que todos podamos disfrutalas.
VB: Falando xa concretamente do teu libro, como ben indica o seu título constitúe un “achegamento” á fotografía en Ourense, polo que con toda seguridade, e porque sei que continúas a investigar sobre o tema, a día de hoxe o número de profesionais por tí recollidos será moi superior aos que aparecen no libro. Por outra banda, o texto deixa ben claro que a cidade contou cunha rúa que serviu de ubicación para a maior parte dos estudios fotográficos (A Rúa do Alba), polo que ben a poderíamos considerar como a Rúa dos Fotógrafos.
RS: Cada día que pasa, e cada novo dato que xurde do tema, faime sentir máis satisfeito por ter colocado ese “achegamento” no título. Xa nos comezos, teño que admitir que algún dato, por escaso, por falta de material que o apoiara ou por outras razóns, decidín obvialo, mais hoxe penso que fun un pouco cicateiro de máis.
Un hipotético ranking cronolóxico dos nosos vixiantes do pasado, comezaría con Constancio López Corona? no primeiro posto e remataría con máis de 170 personaxes. Co cal queda claro que o libro quedouse un pouco escaso; non sei se eu, o AvO, ou calquera namorado da nosa cidade ou da fotografía fará a revisión, pero o que se pode garantir é que material para ela existe dabondo.
En canto o tema da rúa do Alba (Alejandro Outeiriño na parte baixa, e Cardeal Quiroga na alta), xa no libro quedou claro que podería ser a dos Fotógrafos, e cos novos datos, moito máis, xa que agás de confirmarse a estancia de Salvador Extruga (no libro manifestei a escaseza de datos deste profesional), resulta que moitos dos que tiveron os seus estudios noutras rúas, a residencia tíñana nesa rúa, Martino, Vales, Tome etc.
VB: Entre os distintos profesionais da fotografía que aparecen no teu libro, hai varios que tiveron unha especial vinculación co mundo do cinema como é o caso de José Gil, José Samaniego ou Jaime Pacheco. Crees que o interese polo cinema destes fotógrafos desde principios do século XX consiste nunha evolución natural polo alto grado de parentesco destas dúas disciplinas?
RS: Sen dubida. Son moitas as referencias que temos de fotógrafos no mundo do cine, e realmente o cine basicamente (corríxeme se o ves oportuno) non é mais cunha secuencia de fotografías.
As ansias de innovar, ou simplemente a busca de rendibilidade, fixo que os tres que citas se interesaran por esta nova arte. A eles teríamos que engadir, a nivel Ourense, a Augusto Pacheco, que aínda que non chegou a dedicarse ó cine, coincidiras comigo que foi unha axuda para outros mestres como Roman ou Velo.
E xa que sacas o tema cine, o AvO estaría encantado de poder localizar, cintas nas que a nosa cidade fora protagonista, ou polo menos “actor secundario”; levo tempo buscando o documental “Fiestas de Orense”, da produtora Folk, (hermanos Barreiro), ou cintas de particulares, e teño que dicir que é moito máis complicado que o tema das fotografías. A ver si a xente se anima e saen a luz esas xoias.
VB: Conveño contigo que sería magnífico poder xuntar os filmes nos que se vise reflectida a cidade de Ourense, sobre todo esas películas de principios e mediados do século pasado que non sabemos si aínda existen ou por desgraza desapareceron para sempre. Os amantes de Ourense e do cinema daríanos moita ledicia poder recuperar esas xoias.
Continuamos con outro dos nomes importantes que aparece no teu libro, José Gil. Este fotógrafo e cineasta está considerado como un dos máis importantes precursores do cinema en Galicia pola realización do primeiro filme galego de ficción “Miss Ledya” (1916). Gil residiu en Ourense desde 1898 ata 1904 onde mantivo un estudio fotográfico propio nun primeiro momento e posteriormente en sociedade con Jaime Pacheco. Polo visto probabelmente ambos iniciaron a sua relación co mundo do cinema neste curto periodo no que mantiveron a súa sociedade.
![]() |
| Anuncio de xornal do estudo Gil |
RS: O que está claro é que ese tempo, (a día de hoxe non podería dicir se foi moito ou pouco, pero aparentemente parece ser que non pasou dun ano) no que mantiveron relación profesional, dedicárono a aprender un do outro máis que traballar cara o público (como se pode interpretar debido á escaseza de fotografías firmadas por eles que están a aparecer). Certo é tamén que Gil viviu unha das súas máis complicadas etapas na vida, polos datos que manexo, parece ser que desas morreu un fillo (sen confirmar), e o que si está comprobado é que o seu axudante Julian Garita-Onandia (fillo de Pablo Garita e sobriño de Hermógenes Garita) suicidouse no estudio que tiñan na rúa Progreso. Supoño que serían parte da causa de facer tantísimos viaxes fora da cidade neses anos. Si a todo elo lle engadimos a competencia dun José Pacheco, xa cun gran prestixio, lóxico que buscarán novas vías de traballo. Ó cine presumíaselle un futuro moi prometedor, como así foi, e mestres como Sellier andaban xa co seu estudo.
VB: En canto a Jaime Pacheco, antes de establecerse como fotógrafo na cidade de Vigo estivo traballando un par de anos como proxeccionista de cinema en Portugal.
RS: Da relación que falamos entre Gil e Pacheco, vese que cada un deles tomou por un derrotero diferente, Gil preocupouse máis da produción e Jaime da exhibición. Non teño probas, pero si sospeitas, de que na nosa cidade Jaime chegou a facer exhibicións, posiblemente para mellorar a técnica, e logo colleu os bártulos e recorreu a provincia (Bande, Celanova, Xinzo, etc) mostrando cintas e arrimándose cara o seu Portugal natal, onde debeu botar preto de dous anos vivindo da exhibición cinematográfica. Fálase de datos que o ubican en Lisboa durante bastante tempo.
VB: Tamén é moi interesante a traxectoria de José Samaniego, que no 1925 relevou a Eduardo Barbagelata como concesionario das proxeccións de cinema no Liceo ourensán e que posteriormente chegou a traballar no cinema nos Estados Unidos.
RS: A biografía de Samaniego é outra das que precisan dun maior estudo. Descoñezo os motivos, pero non é sinxelo seguirlle a pista. O dato da súa actividade como exhibidor no Liceo (por un curto período de tempo), o traspaso do seu estudio a Schreck, e a súa estancia final en Cuba (a parte mellor documentada) é case que todo o que puiden confirmar por varias fontes.
O resto, a súa estancia en Vigo e na Coruña (onde parece ser que quedou logo o seu fillo José), o viaxe a Hollywood, a película onde traballou como director artístico “El presidio”, os posibles orixes ourensáns da súa nai, etc. Son todos datos que teremos que seguir tentando contrastar.
Como ves, polo que estou a dicir, é moito o traballo que queda por facer e pouco o tempo para dedicarlle.
VB: Moitas grazas, e parabéns por este imprescindíbel “Achegamento á historia da fotografía en Ourense (1856-1940)”, o primeiro libro sobre a arte fotográfica na nosa cidade que agardamos que pronto teña unha continuación.
RS: Grazas a ti polo traballo que estás a facer co cine ourensán, e por botar unha man en dar a coñecer o traballo desta nova asociación que é o Arquivo visual Ourensán (AvO).
A continuación “Galicia Labrega” de José Gil:





































