Nesta época de recortes nos piares básicos da sociedade, como son a educación pública e a sanidade, e de recortes no avance do sentido común humano (como se para liberar peso nun edificio non se nos ocorre outra cousa que recortar os cimentos), todo se quere dar a ver como realmente non é, ofrecendo a imaxe maquillada para pretender con iso que a todos nos invada unha sensación de normalidade.
Como se pensaramos que Galicia é un paraíso logo de ver “Galicia para o mundo” na Televisión de Galicia. E dinse a metade das medias verdades para manipular o sentir xeral, e emprégase a imaxe para tentar transmitir falsas sensacións que non teñen que ver co que realmente ocorre. Coma se se tratase deses libros de mentira que adornan os andeis dos mobles nas tendas de mobles, que os pobriños representan unha imaxe pero están baleiros de todo contido.
Igual que cos libros de pega, a nivel de educación e de súa “política” de aforro amosouse a imaxe de que so se trata de traballar catro horas máis, cando realmente os mestres traballan o mesmo e so se trata de xustificar neles uns horarios máis amplos para aforrar profesores. E logo, na práctica, ocorren dantescas imaxes de aulas masificadas e ausencia (ou compartimento con varios colexios) de profesores de apoio, nunha triste realidade que mina o futuro das futuras persoas que van coidar de nós. Pensémolo. E non pensemos soamente que de nós van coidar as persoas que fixeron seus estudos no ensino privado –ao que non se recorta, por certo- pois as minorías coidarán só das minorías. E se descremos no público o social tenderá a fracasar.
Entre outras cousas (non me quixera estender de máis) díxose que os mestres e profesores se indignan porque as medidas de austeridade son dun partido político de dereitas, cando todos podemos ver como hai outras comunidades autónomas de dereitas que non recortan e educación, o que nos debería clarificar que os traballadores do ensino protestan ante as cousas mal feitas, non ante as cores políticas (coma se, ademais, puideramos considerar “de esquerdas” o goberno de Zapatero).
E tamén se dixo que os mestres non queren traballar, que queren librar o máximo posible, que teñen moitas vacacións, que fan conspiracións xudeo masónicas, que furgan no nariz, que van en contra dos nosos rapaces bonitos ou que son mala xente, o que tristemente nos dá a ver o imbuídos que estamos ante estas imaxes que nos amosan, como se cada realidade individual ou grupal con respecto ao sector educativo público non fose diferente. Penso que deberíamos rexeitar os libros de pega e aprender a ler entre liñas. Iríanos moito mellor a todos.
Jorge Emilio Bóveda
















Comentarios
Tamén quen pensa que os mestres somos lacazáns e temos moitas vacacións, as oposicións de mestres saen de vez en cando, que estuden diplomaturas e que as aproben, aínda que sempre se pode traballar no concertado ou privado, xa que ahí todos sabemos como se entra e non é por unha oposición.