Queridos lectores, esta é a miña última carta desde Londres. En menos de 20 días deixo a terra que coñezo por un mundo que non vin e estame resultando extremadamente difícil despedirme en 20 liñas de 5 anos de recordos.
Kate Fox, no seu moi recomendable “Watching the English”, afirma que ás veces os viaxeiros que se asentan nun país que non é o seu, terminan por “facerse nativos”. Non creo que sexa o meu caso. Iso si, teño a impresión de que o sistema inglés terminou por converterme nun dos seus produtos.
Cando es forasteira, a enerxía váiseche en asimilar os cambios dun hábitat que inicialmente che é hostil. Algún deses cambios son tanxibles (o idioma, o tempo, a comida, a arquitectura); outros son case imperceptibles e aos poucos valos asimilando nun proceso de comprensión, negación e aceptación ata que un bo día espertas e xa non os cuestionas. O que antes era alleo e estraño, convértese en rutina e é entón cando te dás conta de que xa es parte do todo.
Londres xamais será para min esa cidade inglesa de mítica néboa e choiva perenne. Este lugar desde o que agora vos escribo estas liñas, será evocado por min, alá onde a vida queira levarme, como o meu fogar, a universidade que me ensinou a convivir e aprender o mundo desde diferentes puntos de vista. E por iso estareille eternamente agradecida.
Non botarei de menos o seu ruído incesante, as súas présas, as súas escusas non sentidas, o seu café augado, a súa carencia de ritmo, a súa humidade punzante inimiga intima de calquera óso...Ou poida que si; botareino de menos no seu conxunto, e levareino por sempre no meu corazón.
Si agora mesmo alguén está a pensar en facer as súas maletas e vivir un soño, en saír de casa e explorar o mundo...Ide a Londres. E si verdadeiramente atopades, dicídelle canto o boto de menos.
Agora, un novo horizonte espérame, pero como dicía Rupert Brook: There will be a place forever England!






























