Xa estou outra vez en pleno proceso de adaptación nun escenario completamente distinto ao inglés. Sigo polos nortes deste vello continente. Agora os meus curiosos pasos trouxéronme a un pequeno país, á beira da cola dunha vella serea que pousa triste a súa desgraciada historia de amor fronte aos turistas xaponeses. Os daneses apenas lle prestan atención. Pasan xunto a ela e nin se paran a mirala.
Eu, volvo ser unha nena e todo me fai ilusión, incluso a choiva incesante. As mesmas botas que outrora só se usaban en Galicia para ir á horta, aquí as pon todo o mundo para dar un paseo polo centro de Copenhague os domingos pola mañá. E é que non é unha cuestión de moda, senón de saúde. Ou goma aos pés, ou catarro ao canto. En só dúas semanas fun testemuña de máis de dez tormentas. Ao parecer, ao veciño Thor encántalle golpear co seu martelo as nubes deste país. O horizonte, como resultado, é dun verde impoluto, sen montañas que deteñan o paso da vista.
Esta carencia de costas, fan ideal os paseos en bicicleta por toda a cidade. Aquí é o medio de transporte máis popular. Aínda que o tráfico de coches é abundante, non resulta tan estresante como en Londres ou Madrid. Copenhague esta perfectamente preparada para os valentes que desafían á choiva e ao vento sobre dúas rodas a golpe de pedaleo. Por todas partes hai carrís para bicicletas e nelas van desde bebés recén nados, ata a terceira idade mais risueña. É impresionante o fácil que resulta adaptarse a este medio de transporte cando existen as infraestructuras adecuadas.
No tema idioma… Bo!, Dádeme uns meses. Agora mesmo estou como Bill Murray: Totalmente perdida en translation. E é que o danés é como o nivel aínda non inventado do Sudoku. Dáme un pouco de rabia, porque para achegarche a outra cultura, as súas xentes e costumes, a chave máxica é falar a súa lingua….Ou beber a súa cervexa.
Si hai algo que os daneses aprecian, é a socialización nos bares. E é aí por onde se empeza a construír o que para eles é tremendamente fundamental: Network. Como o fan cunhas copas de máis? É parte da miña investigación científica en terras escandinavas.
Xa vos manterei informados dos resultados.
Raquel Sertaje






























