Desestima un recurso sindical e confirma a sentenza do Xulgado do Contencioso que concluiu que o Concello “actou conforme a dereito na elección dos membros do tribunal”, no que non incluiu representantes de partidos políticos nin sindicatos. A resolución do TSXG é definitiva e contra ela non cabe recurso.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de confirmar a legalidade da composición dos tribunais de oposicións no Concello de Ourense. A Xunta de Goberno Local tivo coñecemento esta mañá da sentenza do tribunal galego, na que desestima o recurso de apelación interposto polo sindicato USO contra a composición dos tribunais das oposicións polas que se deu cobertura a 6 prazas de axente de Policía Local (unha por mobilidade horizontal e cinco por oposición libre). A resolución é definitiva e contra ela non cabe recurso.
A sentenza do TSXG confirma a ditada previamente polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense, en setembro de 2011, que desestimara o recurso deste sindicato. O Xulgado do Contencioso desestimou tamén naquelas datas outro recurso similar interposto pola central CSIF.
O sindicato solicitaba que se anulara o decreto de nomeamento do tribunal de oposición, por non ter incluído na súa composición a vocais designados a proposta dos sindicatos e da Academia Galega de Seguridade, que prevé a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (LCPGL).
Pola súa banda, o Concello alegou que a composición dos tribunais axustouse en todo momento a unha lei de ámbito superior, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP). O tribunal estivo formado por profesionais imparciais, policías de grandes cidades de Galicia, e non incluíu a representantes de partidos políticos nen sindicatos.
Tras analizar os argumentos achegados por ambas partes, naquela primeira sentenza, a xuíza do Tribunal do Contencioso recoñecía a “evidente contradicción” existente entre a EBEP e a LCLPLG, e concluía, de acordo coa tese sostida polo Concello de Ourense, que esta discrepancia “impide a aplicación da normativa autonómica, polo que se considera que o Concello de Ourense actuou conforme a dereito na elección dos membros do Tribunal, aplicando o disposto no artigo 60 do EBEP, normativa básica estatal”. Motivo este polo que desestimaba os recursos realizados polos sindicatos e confirmaba o nomemamento dos membros do tribunal “por ser axustado a dereito”.
Recurso ao Tribunal Superior de Xustiza
O sindicato recurriu esta resolución ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, reiterando os argumentos dunha presunta “defectuosa composición do Tribunal” ao non terse requerido a Academia Galega de Seguridade Pública, en representación da Xunta de Galicia nin a Xunta de Persoal, para propoñer membros.
A sentenza do TSXG desbota estes argumentos, lembra que xa o Xulgado do Contencioso advertira da contradicción existente entre a normativa galega e estatal. Reitera que “o carácter básico do EBEP impide a aplicación da normativa autonómica”, polo que conclúe “a innecesariedade de que a Academia galega designe un vocal”, de acordo coa norma estatal.
Así, a sentenza ditada agora polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso do sindicato con expresa imposición de costas á parte recurrente ata a cantidade máxima de 800 euros.
Esta resolución é definitiva e contra ela non cabe recurso algún.
A concelleira de Recursos Humanos, Carmen Rodríguez Dacosta expresou a súa satisfación por esta resolución, xa que “é a primeira vez que un goberno municipal do Concello de Ourense decide formar un tribunal de oposicións sen representantes políticos nin dos sindicatos, e por iso nos alegramos desta sentenza, que nos dá a razón e demostra que actuamos conforme a dereito”
























