Aminora o gasto en horas extras e productividades, prioriza as axudas á conciliación familiar e establece baremos en función do salario dos traballadores. Favorece a promoción interna dos traballadores, para que os ascensos se decidan por procedemento selectivo e non por designación directa.
O goberno municipal pechou un acordo cos sindicatos con representación no Concello para a revisión do novo acordo regulador das condiciones de traballo dos empregados municipais. O apoio foi suscrito por 4 das 5 centrais sindicais con representación no Concello: USO, UGT, CC OO e CIG, recibindo na votación 16 votos a favor e 2 en contra. Esta mañá a mesa de negociación procedeu á votación e aprobación do texto definitivo, formado por máis de 60 artigos, que será de aplicación ata o 31 de decembro de 2013, salvo denuncia dalgunha das partes. O texto definitivo será asinado nos vindeiros días e publicado no Boletín Oficial da Provincia, cando entrará en vigor.
O novo acordo inclúe as seguintes novidades:
1) Confirma a reducción nun 40% nos custes que cada ano supoñen para as arcas municipais as denominadas axudas sociais. Esta medida, permitirá ao Concello acadar un aforro de 600.000 euros anuais. O texto acordado recolle as directrices propostas polo goberno muncipal para priorizar as axudas: progresividade (establécese un baremo de axudas en función das rendas do traballador), limitación das axudas aos cónxuxes (só se proporcionarán a persoas cuxas rendas non cheguen ao salario mínimo interprofesional, incluindo todo tipo de rendas), e priorización das axudas destinadas á conciliación da vida familiar e laboral (gardería e libros) e a discapacidade. Rexirá as axudas o seguinte baremo:
Salario do traballador ::Porcentaxe de axuda
- Ata 30.000 euros :: 90% do total
- De 30.001 a 40.000 euros :: 70%
- De 40.001 a 52.000 euros :: 40%
- Desde 52.001 :: 15%
Por cada fillo menor ou dependente incrementarase a escala nun 10%
2. Establece un sistema de concurso de traslado, por primeira vez nun acordo regulador, polo que os funcionarios poderán acceder a ascensos a xefaturas a través dun sistema de promoción interna e non de adscripción provisional, por elección directa sen procedemento selectivo, que se viña seguindo ata agora.
3. Redúcese o número máximo de horas extraordinarias remuneradas que poden realizar os empregados municipais, e a súa remuneración. Coa finalidade de aminorar os custes que as horas extras representan para as arcas municipais, os traballadores realizarán menos horas extras: 25 como máximo (ata agora podían chegar a 100), e a súa remuneración, que pasa de 15 euros a 12 euros. Esta medida reportará ao Concello un aforro de entre 90.000 e 100.000 euros
4. Tamén se reducirá en máis dun 50% o gasto en productividade (compensación por realizar traballos de superior categoría, a maiores das funcións propias do empregado). O custe das productividades en 2011 foi de 87.000 euros e prevese un aforro de máis de 40.000.
























