A comisión de pleno extraordinaria urxente onde se levou o proxecto de orzamento xeral do Concello foi notificada oficialmente ao Grupo Municipal do PPOU con tres horas de antelación, sen tempo a revisar o expediente máis importante do ano. Os populares rexeitan a premura maliciosa do Bipartito, sobre todo cando levan 7 meses de retraso cos orzamentos, polo que non é xustificable unha convocatoria in extremis e posterior á presentación pública aos medios de comunicación.
Os concelleiros populares asistentes á Comisión de Pleno víronse na obriga de abandoar, este mediodía, a sesión urxente e extraordinaria deste órgano adicada a presentar o proxecto do orzamento xeral do Concello para o exercicio 2012 (integrado polo do Concello e do Consello Municipal de Deportes), bases de execución e anexo de persoal. Os populares consideran unha lamentable falta de respeto institucional o feito de seren convocados oficialmente ás 10.00 horas, tres horas antes da devandita sesión. Deste xeito, os membros do Bipartito impediron que os concelleiros populares puideran fundamentar o seu sentido do voto, sen poder analizar o proxecto de orzamentos (só contaban cun anteproxecto enviado por email), as bases de execución, a memoria da Alcaldía, o anexo de Persoal e os informes económico/financieiro e da Intervención Municipal.
Rosendo Fernández fixo constar en acta da Comisión de Pleno estes argumentos á hora de abandoar a sesión, do mesmo xeito que deixou claro que os populares non renunciarán ao período legal de presentación de emendas e alegacións. O portavoz municipal do PPOU lamentou a filigrana extremadamente maliciosa do Bipartito para impedir o acceso á información aos membros do grupo político máis votado da cidade. “Onde está o talante do que presume este Goberno Bipartito? Como pode dicir o señor concelleiro de Facenda que quere consensuar os orzamentos se non nos da a oportunidade de decidir o noso voto ao respecto? Esto non foi máis que un paripé, non discuto que legal, pero si que dende logo é malicioso en extremo. Estaban máis preocupados de organizar a súa rolda de prensa para presentar as contas que en manter o respeto institucional necesario entre os grupos políticos”.
Por último, o portavoz popular recalcou que a palabra do concelleiro responsable de Facende carece de valor algún: “Minte máis que fala. Sempre dixo que os orzamentos irían a un pleno extraordinario e agora resulta que irán no ordinario de xullo. Por que o fai? Para diluir a importancia do documento máis importante do ano, presentado xa cun imperdoable retraso, entre outros asuntos da orde do día”.






























