
A mostra do pintor pontevedrés poderá visitarse ata mediados de agosto.
Cadros que semellan fuxir do lenzo e formas envolventes que se confunden co espazo. Así podería resumirse a exposición de máis de trinta obras que o pintor pontevedrés Guillermo Pedrosa (Vilagarcía de Arousa, 1958) exhibe dende hoxe e ata mediados de agosto no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.
Esta mañá tivo lugar a presentación da exposición "Envolturas perimetrais" –que se inaugura o 4 de xullo-, en á que o autor dedicou dous anos de traballo. Pedrosa dixo que a súa pintura experimentou un proceso de transformación "da bidimensionalidade ás tres dimesións", e a súa oferta para o espectador son un conxunto de figuras xeométricas, "que personifican a esencia das matemáticas, pero máis aló da súa visión física", onde non existen cores definidas, só brancos, negros e óxidos "porque o que conta é o volume".
Guillermo Pedrosa afirma que para esta mostra inspirouse na solitaria praia da Lanzada en inverno "á que chegan madeiros e restos de barcos e artes de pesca que me serviron para dar forma e textura ás ideas e aos lenzos".
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, dixo no acto de presentación que con esta exposición "Pedrosa da un paso máis da pintura á escultura, para que convivan ámbalas dúas en perfecta harmonía", e recomendou a todos os amantes do arte que se acheguen ata o Centro Cultural "porque esta é unha desas exposicións que non che deixa indiferente".
Nesta mesma liña concordou o director do Centro Cultural, Francisco González, quen afirmou que o traballo de Guillermo Pedrosa "é novidoso e atractivo, cheo de reflexión, e onde pintura e escultura van da man, fuxindo do plano para achegarse ao 3D". González destacou que esta mostra "ofrece ao espectador unha obra diferente, o que enriquece a este espazo expositivo e permítelle ao visitante achegarse a novas maneiras de entender o arte".




























