
Os novos xuíces honorarios do Couto Mixto, o inicio das escavacións de verán no Castro de Armea, a carreira nocturna de Celanova ou o peche dos cursos de natación en Verín, imaxes de portada.
A sinatura dos convenios entre a conselleira de Medio Rural e os concellos ourensáns para a mellora das infraestruturas rurais é tema do mes no número de xullo do periódico Barrios, na súa edición para Xinzo, Verín, Allariz e Celanova. Ademais, neste número tamén informamos sobre os últimos plenos na vila do Támega (aprobada a suba de varias taxas), a capital da Limia (aprobados os orzamentos) ou Allariz (aprobados a licitación da instalación hostaleira Torre Lombarda e o concurso para adxudicar cinco parcelas do polígono de Chorente).
Nas noticias da comarca de Monterrei, destacamos o anuncio do Plan de Competitividade "Puertas de Galicia" de organizar unhas olimpíadas gastronómicas en setembro-outubro; na comarca da Limia damos conta do acordo laboral no Concello de Xinzo, que fixa unha redución do 15% nos salarios dos traballadores municipais; na comarca de Allariz-Maceda informamos da fichaxe do grupo de goberno de Maceda pola nova formación Compromiso x Galicia; e na actualidade de Terras de Celanova, sinalar os dous cursos de verán, sobre a vida e obra de Celso Emilio Ferreiro e sobre temática audiovisual, que se organizan este mes de xullo na vila celanovesa.
A elaboración dunha cervexa artesana made in Allariz, as escavacións arqueolóxicas no Castro de Armea, na parroquia de Santa Mariña de Augas Santas, a concesión do premio Casa dos Poetas da Fundación Curros Enríquez ao actor Luis Tosar, o anuncio de reforma para o Museo de Entroido e a Casa de Cultura de Xinzo ou a entrega das obras de saneamento e abastecemento no Rosal, Oímbra, son outras das noticias deste mes.
A programación das festas de Santa Mariña en Xinzo e de San Bieito en Allariz, as imaxes do mes, a actualidade deportiva e da provincia, completan o número de xullo de Barrios.


























