A natureza saíuse coa súa. Por fin pódense ver as estrelas nun impensable ceo londinense carente de avións surcándoo continuamente. Se Monet estivese vivo, non descansaría ata pintar estes atardeceres indescritibles, cortesía das cinzas que proveñen dun volcán islandés ao que lle deu por espertar espectacularmente do seu letargo de douscentos anos. A Bela Durminte non fixo tanto ruído cando espertou polo bico do príncipe azul.
O parón no trafico aéreo deu unha tregua ás alturas, pero aquí embaixo as cousas complícanse por momentos. Mentres observamos impotentes o avance da nube de cinzas, turistas impacientes aglutínanse nos mostradores dos seus hoteis para alongar a súa estancia, os aeroportos parecen o set de 28 Días Despois, as mercadorías que estaban listas para saír e entrar no UK bótanse a perder nas aduanas e o Eurostar xa fixo o seu agosto en pleno mes de abril.
Aquí nunca se vía cousa igual. En lugar de centrarse na súa estratexia política da campaña electoral, Gordon Brown organizou unha reunión de ministros para avaliar os danos causados pola crise volcánica. Prevense erupcións de alto risco debido a que as perdas económicas xa son astronómicas. E nesta ocasión non se lle pode botar a culpa á avaricia dos banqueiros ou á corrupción dos gregos.
A nube aplicouse o conto da eliminación de fronteiras e fíxose co espazo aéreo comunitario, creando o caos ao seu paso. Aos islandeses, que xa non as tiñan todas consigo para levarse un premio polo seu bo facer e popularidade, tampouco se lles pode culpar porque o seu volcán póñase a facer das súas...ou si?
A pesar dos paróns e as perdas económicas, este domingo, o día máis caloroso do que levamos de primavera, parece alleo ao pesadelo. A xente pasea tranquila baixo un sol de xustiza por unhas rúas de
Londres non tan saturadas como de costume, e os que nos deitamos no parque para gozar do sol, ollamos cara ao ceo con incredulidade, procurando algo que falla, pero que tampouco botamos de menos.
Supoño que a tranquilidade provén da resignación de aceptar que ás veces a natureza sáese coa súa sen que nós poidamos facer nada por evitalo; unha especie de recordatorio de que o noso poder e control ten limites.
Resignación ante o feito de que o vento, como nesa canción dos Rodríguez, non necesita de documentos para atravesar fronteiras.
Raquel Sertaje






























