Volver ó menú de Relatos e Disertacións Ir á Portada imprimir volta atrás

ROMAXE DE DESVENTURAS

FICHA

Título: Romaxe de desventuras

Autor: Pepe Carballude.

Editorial: Editorial Galaxia: Rodeira, 1997, 2ª edición.

Formato: 130 páxinas, 9 ilustracións

Ilustracións: Siro López

      Novela

    “O sacristán forzou un pequeno tusido que non puido reprimir. Debía ser franco con Lisardo. Foran xuntos á escola, serviran os dous nas illas Chafarinas e, por moi aparecido que fose, era merecente da lei dos amigos. Así pois, escolleu un ton íntimo, familiar e díxolle:

 -Mira, Lisardo, o que te mata é ese cerello que levas vestido. ¿Non comprendes que vas de alma en pena pola vida e que o mundo está feito de aparencias? Todos tratan de parece-lo que non son e vas ti e, ¡zas!, preséntaste de defunto, ó descuberto, tal como es e, claro, a xente foxe.”

COMENTARIO

Adoitamos  rexeitar aquelas obras que semellan estar lonxe das nosas inquedanzas. Ó abeiro dos clixés institucionalizados que aferrollan a literatura dentro das marxes da idade ou o sexo dos lectores, aínda que non sexamos conscientes, deixamos de achegarmos á literatura supostamente xuvenil.

Non ven mal de cando  en vez  achegarse a un xénero que non é xénero pola temática ou o estilo, senón por outra clase  de imposicións, Para non aprender aos rapaces senón aprender deles. Aínda que sexa ó chou, como me ocorreu a min, é bó atopar noveliñas sinxelas coma ésta e gozar coa súa lectura do mesmo xeito que con grandes obras universais.

       A grandes trazos a aventura “desventurada” de Lisardo, unha pantasma no mundo cotiá de hoxe, non ten moita orixinalidade. Conta a súa pelegrinaxe ata  San Andrés de Teixido como ánima en pena que non cumpriu a súa promesa en vida. Esta lenda está vencellada intrínsecamente  a un tipo de literatura galega amplamente desenvolvida nas nosas fronteiras: o xénero fantástico máis enxebre, recheo de popularidade, no que se xunta o real co sobrenatural sen afastamento entre vivos e mortos. A personaxe principal entroca directamente con outra ánima en pena, o Fiz de Cotobelo de “El bosque animado” de Wenceslao Fernández Flórez. Non importa que a obra sexa en castelán, a pegada do mundo esotérico galego está sempre presente. E , alén desto, tamén é galega a retranca  das dúas obras. Pode que Carballude empregue un xeito máis desenfadado para nos describir unha viaxe breve de camiño e longa de experiencias, pero cómpre ter en conta que o máis destacable deste libro é a súas comicidade, baseada, paradóxicamente,  nos aconteceres terrrenais. Porque Lisardo, por moi pantasma que sexa, é o máis terrenal dos homes, mesmo nos seu vicio de fumar.

      En contraposición ó carácter galego Carballude amosa ó espiritista alemán Hans Krahe. ¡Que difícil é para el abranguer o mundo sobrenatural! Non se decata do doado que resulta, despois do primeiro susto, aceptalo como ven,e deixarse de análises inútiles. Crenza cega, ou non.

ESTRELLA CASARES