Son de Meiga 09 será o festival
de referencia este verán cun cartel de primeira
Rosendo, Macaco, Tequila, Mägo de
Oz, Mojinos, Reincidentes, Def con Dos, Avalanch e Siniestro tocan
o 23, 24 e 25 de xullo no Barco.
Destacadas
bandas do panorama estatal e dj’s de sona internacional
reuniranse este verán na primeira edición de Son
de Meiga 09, que se celebra os días 23, 24 e 25 de xullo
no Barco de Valdeorras (Ourense). Rosendo, Tequila, Macaco, Mägo
de Oz, Mojinos Escozíos, Reincidentes, Avalanch, Skizoo,
Siniestro Total e Def con Dos encabezan un cartel de primeira
integrado por preto de 30 grupos e unha vintena de pinchas que
garanten unha festa de 72 horas case ininterrompidas.
Esta nova cita na axenda festivaleira convértese así
no evento musical de referencia para este verán, segundo
destacaron esta mañá os participantes na presentación
do evento. No acto estiveron presentes Sabino Guitián e
Fran Prada, dous dos hostaleiros organizadores, que deron as claves
do proxecto. Alfredo García, alcalde do Barco, felicitou
a estes emprendedores e destacou o gran calado da iniciativa,
única na comunidade autónoma e o seu contorno. A
concelleira de Turismo, Begoña González, subliñou
a repercusión que terá na afluencia de visitantes,
mentres que Moisés Blanco, vicepresidente e responsable
de Xuventude da Deputación Provincial de Ourense, coincidiu
en apuntar que nunca na zona se organizara un evento de tal magnitude,
que contribuirá a dinamizar a comarca. Á presentación
acudiu tamén Andrés Lamosa, responsable de Saraiba
Producións.
Son de Meiga é obra de tres hostaleiros da localidade:
Fran Prada, Sabino Guitián e José Prada, agrupados
en Meigasonora Productions. A iniciativa xurdiu fai un ano, cando
o café Despiste e os pubs Sambo e Caos decidiron organizar
unha serie de concertos na rúa que colleitaron unha exitosa
acollida. Naceu entón a idea de ampliar o proxecto converténdoo
nunha gran cita anual, co fin de traer a Galicia bandas punteiras
da escena española e promocionar á vez aos grupos
e dj’s do contorno. Para esta primeira edición de
Son de Meiga, que non será a última, contan coa
produtora Saraiba e a colaboración da Concellería
de Turismo de O Barco de Valdeorras e da Deputación de
Ourense.
Grupos locais e dj’s internacionais
Xunto as bandas de renome, tocarán grupos menos coñecidos
pero de notable calidade, a meirande parte procedentes de distintos
lugares da comunidade autónoma e da comarca do Bierzo,
aínda que tamén doutros puntos do Estado. Actuarán
Navegando a Barlovento, Amadeüs, Cuentaatrás, Jabón
Blue, Hastilla, Mala Komunikacion, Cabo da Vila, M’82, Aztor
Secundario, Discordia, Vuelta y Media, Por Placer, Crakerman,
Iria Flavia, Os Cuchufellos, La Tuna Rastafari e Esquíos.
A música empezará a soar a media tarde, aínda
que os pratos fortes serviranse entre as 22 horas e as 3 da madrugada.
O rock vai ser o estilo predominante, pero tamén se escoitarán
sons mestizos, heavy metal, ska e folk, entre outros.
O cartel complétase con dj’s da talla dos brasileiros
Pet Duo ou o serbio Dejan Milicevic, aos que se suman nomes non
menos internacionais como Dj Tako, Reeko, Cora Novoa, David Mallada,
Raúl Mezcolanza, Aitor Ronda, Adrián Arias, Trevor
Rockliffe, Fatima Hajjl, Darkrow, C-System, Óscar, iL Kartone
e David Prada. Todos eles suman entre os tres días máis
de 30 horas de sesións dj que prolongarán a festa
ata o domingo a mediodía.
Entradas xa á venda con desconto
As entradas para o festival Son de Meiga 09 están xa á
venda, con notables descontos para o bono de tres días,
que custa 65€ nos locais dos organizadores, 75€ en Tick
Tack Ticket (www.ticketmaster.es) e centros asociados (Carrefour,
FNAC, Gong, Tipo, etc.) e 90€ no despacho de billetes. A
entrada individual por día ten un prezo de 30€ na
rede TTT e 35€ no despacho de billetes. Existe unha promoción
de 1.000 bonos a 60 €, dos cales 500 venderanse a través
da rede Tick Tack Ticket, mentres que os outros 500 poderanse
adquirir nos establecementos da organización: Pub Caos,
Cafetería Despiste e Pub Sambo, todos eles na rúa
Abdón Blanco, do Barco.
Son de Meiga 09 contará con tres escenarios no parque empresarial
da Raña, dous nos que se alternarán as bandas para
que a música no descanse e un terceiro onde pincharán
os dj’s. Instalarase unha gran potencia de luz e son que
impulsarán ao máximo a forza das actuacións.
Os asistentes dispoñen ademais dunha zona de acampada gratuíta
nas proximidades da área de concertos dotada con todos
os servizos e están a estudarse colaboracións cos
hoteleiros do municipio. Distintos concellos da comarca colaborarán
na dotación dun servizo especial de autobuses nesas datas
para que os mozos eviten coller o coche.